Ponte Caldelas mantén o pago a provedores por debaixo dos 30 días regulamentarios
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas mantén o seu nivel de solvencia económica acreditada a través do pago de facturas aos seus provedores nun prazo máximo medio de 30 días. Así se recolle no informe de morosidade realizado pola interventora municipal que se refire ao terceiro trimestre e que se remite de forma periódica ao Ministerio de Facenda.
Este informe destaca o esforzo realizado no pago aos provedores nun prazo medio de 30 días ou inferior, prazo que se mantén ao longo do exercicio. Encomia a contención do gasto e resalta a xestión económica solvente que permitiu ao Concello amortizar, no que vai de ano, uns 200.000 euros da débeda municipal, sen ter que recorrer a novos préstamos, e financiando os investimentos de 2013 con remanente de tesourería.
Os préstamos, aos que tivo que acudir no seu día o Concello para afrontar importantes obras de infraestrutura e proxección estratéxica, son asumidos sen quebranto económico, e o actual nivel de solvencia permitiralle seguir amortizando cada ano unha cantidade similar, "sen graves problemas nin tensións de tesourería debido á posición de equilibrio presupuestario que autoimpoñemos", sinalan desde o goberno municipal.
Segundo o alcalde Perfecto Rodríguez, "estamos facendo un esforzo para manter o equilibrio presupuestario, algo complicado nestes tempos. Ás veces isto conlleva algúns incrementos ineludibles de taxas, como ocorrerá co lixo en 2014 para evitar que se provoquen problemas de desequilibrio presupuestario, cos graves prexuízos que iso conllevaría na solvencia do Concello e na recepción das transferencias do Estado".
Esta circunstancia impediría, segundo o rexedor, "poder manter os actuais niveis de prestación de servizos como a asistencia social, a colaboración coas comunidades educativas, culturais e deportivas, a atención aos menos favorecidos, a infancia e a terceira idade, ademais do consabido esforzo en infraestruturas e mantemento que se leva a cabo desde o propio Concello".
Perfecto Rodríguez indicou que "como calquera casa ou familia, no Concello tivémonos que amoldar aos efectos da crise, sen deixar de atender as nosas obrigacións cos provedores nin os servizos que prestamos aos cidadáns. Somos conscientes da nova realidade e temos que responder dun xeito responsable, impoñéndonos unha xestión económica austera, pensando en non hipotecar o futuro do noso municipio".