Os presupostos de Ponte Caldelas irán ao Pleno de xaneiro
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas levará a Pleno a finais do próximo mes de xaneiro, a aprobación dos presupostos para o 2014, unha vez coñecidas as cantidades asignadas polo Estado e a Xunta de Galicia á administración municipal, que se fan públicas estes días, e que os técnicos están a incorporar ao documento económico que está en fase de elaboración.
As transferencias económicas do Estado e da Xunta constitúen o capítulo máis importante de ingresos do Concello e determinan, sobre todo, os gastos correntes de calquera administración municipal. Tamén resulta importante coñecer, o máis detallados posibles, as contas que acaba de aprobar a Deputación de Pontevedra, organismo que cofinancia co propio Concello varios servizos de carácter social de cuxa continuidade e dotación presupostaria está directamente ligada a este ente, o cal tamén aproba neste mes de decembro as súas contas anuais para o 2014.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, presumiu da "rigorosidade" coa que se elaboran as contas municipais "é que nunca houbo ningún desvío presupostario salientable" e, malia que os presupostos municipais son un documento vivo, que se vai adaptando e modificando puntualmente ao longo do ano, nunca tivo que sufrir un reparo substancial nas liñas aprobadas pola Corporación.
Igualmente destacou que o Concello mantén o seu nivel de solvencia económica acreditada a través do pagamento de facturas aos seus provedores nun prazo máximo medio de 30 días, tal e como quedou certificado a través dun informe realizado pola interventora municipal.