O PP interpreta o "silencio abrupto" de Carmela Silva no Pleno como "unha clara condena de culpabilidade" polo ‘Caso cuñada’
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras
No Pleno extraordinario da Deputación de Pontevedra celebrado este venres por orde do Xulgado do Contencioso-Administrativo, o Partido Popular obtivo un "silencio abrupto" por resposta no seu intento de obter explicacións da presidenta provincial, Carmela Silva, polo enchufe da súa cuñada no Concello de Vigo.
"É unha clara condena de culpabilidade. Carmela Silva non pode seguir ao fronte do Goberno provincial, debe dimitir", dixo o voceiro do PP, Jorge Cubela.
O grupo provincial do Partido Popular considera que Carmela Silva "non está acreditada" para seguir ao fronte da institución provincial.
Cubela amosouse "triste e decepcionado coa baixa calidade democrática que hai na Deputación", despois de que nin PSOE e BNG tomasen a palabra no pleno extraordinario, e tras a "censura" co corte da retransmisión en streaming xusto no momento que ía dar inicio o pleno extraordinario.
Atendendo ás preguntas dos xornalistas cando saía do salón de Plenos, Carmela Silva limitouse a declarar que "todo o que tiña que decir xa o dixen reiteradamente. Non teño nada que decir" e engadiu logo que "dame vergoña esta xente. Son indecentes".
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e voceiro do BNG, César Mosquera afirmou que "hai que ter unha indecencia soberana" para traer este asunto xudicial ao Pleno "habendo recentemente unha sentenza que condena ao señor Louzán polas súas actividades como presidente desta Deputación".
Lembrou que o Grupo Provincial do BNG "ten por norma, uso e costume utilizar o Pleno da Deputación para as cuestións para as que está concibido", que é "o debate sobre asuntos políticos que afectan a institución e as decisións de xestión". E destaca que o Bloque nunca levou a Pleno asuntos xudiciais, incluso cando afectaban directamente a cargos en activo da Deputación, como sucedeu no mandato 2011-2015 cando o presidente e outros deputados do goberno do PP dirixido por Rafael Louzán estiveron imputados ou investigados.
En consonancia con esta traxectoria, "rexeitamos o uso pernicioso do Pleno provincial para asuntos xudiciais que nada teñen a ver coa actividade da Deputación, como é o caso que torticeiramente trae o PP", din dende o BNG. "Por desgraza para o PP vale todo", engadiu César Mosquera.
Polo tanto a súa renuncia a intervir na sesión foi unha "mostra de rexeitamento por este uso indebido e amoral do Pleno" e engade que "por máis que exista unha discutible sentenza favorable, segue a ser un uso indebido e amoral".
INDULTO
Á saída do Pleno do portavoz do PP, Jorge Cubela sinalou que "ímonos totalmente tristes e decepcionados" e afirmou que "hoxe a presidenta da Deputación volveuse a rir e burlar da cidadanía e das institucións".
Segundo Jorge Cubela, "os dous condenados que gardaron silencio durante todo o proceso agora teñen a súa recompensa", e amosouse convencido de que se aprobará o seu indulto. "Damos por feito de que o indulto se vai aprobar para indultar tamén a Carmela Silva e ao PSOE desta provincia. E a maior trama de corrupción e nepotismo político da historia recente de Galicia quedará impune".
Por último, o PP tamén criticou a actitude "incomprensible" do BNG, socio de Goberno na Deputación de Pontevedra, "que segue sen pronunciarse ao respecto" e lamentou que "os sillóns pesen máis que a depuración de responsabilidades políticas".
Relacionadas:
-
Rotunda resposta de Carmela Silva ante a obriga de abordar nun pleno a petición do PP para que dimita
Por María José Pita |
-
O PP considera unha "vitoria política" que o xulgado obrigue á Deputación a convocar un pleno para abordar a petición de dimisión de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
O xulgado obriga á Deputación a convocar un pleno extraordinario para abordar a petición de dimisión de Carmela Silva
Por Redacción |
-
O PP asegura que na Deputación "está instaurada la ley del silencio" respecto a aqueles asuntos que lle son "incómodos"
Por Oskar Viéitez |