As eleccións europeas de maio obrigan a cambiar o calendario da Festa da Troita
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, anunciou este sábado que someterá a consideración do Pleno da Corporación atrasar unha semana a celebración da XLVIII edición da Festa da Troita pola coincidencia deste evento turístico-gastronómico coa data fixada para as Eleccións ao Parlamento Europeo, que terán lugar o 25 de maio próximo.
A tradicional festa de Ponte Caldelas celébrase sempre a fin de semana do último domingo do mes de maio, pero Perfecto Rodríguez proporá para a edición 2014 as datas da fin de semana do 31 de maio e 1 xuño, unha semana máis tarde, como as máis idóneas.
O obxectivo é impedir que este evento festivo poida interferir no normal desenvolvemento da xornada de reflexión e votación dos comicios europeos e desde o Concello recordan que esta circunstancia xa se deu noutros anos en que o último domingo de maio coincidiu con procesos electorais (a ultima vez en 2007).
Ao ser unha festa organizada polo Concello non pode coincidir con procesos electorais posto que os funcionarios e servizos públicos municipais teñen obrigación de estar a disposición da Xunta Electoral durante todo o día en que se desenvolven as eleccións. Ademais, consideran que "sería claramente prexudicial para a difusión turística da festa a súa coincidencia cun proceso electoral".