Preocupación pola presenza dun can perigoso no colexio Marcos da Portela
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un grupo de pais do colexio Marcos da Portela acudiu este luns ata a Xefatura Territorial de Cultura e Educación de Pontevedra para dar traslado da preocupación da comunidade educativa pola presenza dun can de raza perigosa nas instalacións do centro. Aseguran que o animal non é propiedade do conserxe senón da súa filla que non vive na vivenda pero que o deixa alí e que, en moitas ocasións, o can non leva posto o bozo regulamentario
Os pais denuncian que o animal xa atacou a unha nena nas inmediacións do centro na pasada primavera "e que existe un parte médico que o certifica. Para nós é moi preocupante esta situación, porque temos medo que se reproduza o feito", insistiron.
O xefe territorial de Cultura e Educación asegurou que a situación non é competencia deste departamento xa que o conserxe está contratado polo concello, polo que "o único que podemos facer é denunciar a situación ante o grupo de goberno local para que tomen medidas". De feito, Pérez Ares recordou que se enviaron ata tres escritos ao Concello de Pontevedra para solicitarlle "que resolva con urxencia a presenza de animais perigosos neste centro".
Sen embargo, os pais que este luns mantiveron a reunión co xefe territorial insistiron en que "xa denunciamos a situación en numerosas ocasións ante o concello. De feito, pedimos ao alcalde que nos recibira, pero polo momento, non temos nova algunha e nada se fixo en relación a este tema".
RESPOSTA DO CONCELLO
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, informou que a súa concellería xa requeriu ao conserxe do colexio Marcos da Portela a retirada do can do recinto escolar cun oficio datado o pasado día 1 de outubro. A comunicación foi tamén enviada ao concelleiro de Persoal do Concello de Pontevedra, á Policía Local e ás consellerías de Educación e Sanidade da Xunta de Galicia.
A actuación foi realizada despois de coñecida a situación a través da Asociación de Nais e Pais de Alumnos e dunha acta da Inspección de Educación. "Neste tempo, non se recibiu ningunha comunicación oficial do delegado territorial de Educación", dixo o conselleiro.
A Concellería tamén solicitou un informe á Policía Local e comunicou o resultado das súas actuacións, así como o requerimento efectuado ao conserxe, á Inspección de Educación, cun fax remitido o pasado día 16 de outubro.
O concelleiro de Educación tomou a iniciativa, diante da natureza do problema suscitado, a pesar de que só ten atribuídas as competencias legais de mantemento e conservación dos colexios. Nen sequera, dentro do Concello, lle corresponden as cuestións relativas á cobertura das prazas de Conserxería ou de seguridade pública. Por este motivo, solicitará tamén un informe da Asesoría Xurídica do Concello para que especifique a quen compete resolvelo definitivamente, tendo en conta que os colexios son titularidade da Xunta.
O concelleiro lamenta o "oportunismo" do delegado territorial da Consellería de Educación, que "frivoliza cun tema serio, e que preocupa lexitimamente á comunidade docente do Marcos da Portela, quizais por descoñecemento dos antecedentes do asunto. Algo que non tería ocurrido se consultara previamente co seu propio Corpo de Inspección, que lle podería ter informado dos pasos xa dados pola Concellería, mesmo de xeito preventivo e antes de aclarar a que departamento ou Administración corresponden as competencias nun problema tan singular", conclue.