O Concello volve a estudar as peticións do Marcos da Portela sobre un can perigoso
Por Redacción
A Concellaría de Réxime Interior e Patrimonio municipal, que xestiona Vicente García Legísima, quere tranquilizar á comunidade escolar do colexio Marcos da Portela, especialmente aos pais, ante a preocupación xurdida á raíz da suposta presenza dun animal de raza perigosa nas instalacións do centro ou nas súas proximidades.
Ante as novas queixas, o Concello está a estudar a cuestión para ver que outras medidas pode adoptar.
Vicente García Legísima quixo aclarar que foi coñecedor deste problema o pasado mes de maio, cando lle chegou o acordo do Consello Escolar do centro nos seguintes termos:
Informar á inspección educativa dos feitos acontecidos
Informar por escrito, xa estaba feito verbalmente, ao Concello de Pontevedra e solicitar:
- Que nin o sr nin ningún familiar saque os cans polo recinto escolar
- Asegurar o recinto da vivenda de conserxería para evitar perigos
- Que o concello comunique por escrito a este Consello escolar cales son as condicións que debe cumprir a vivenda de conserxería con respecto a este tema, así como a resolución que tomen sobre os feitos
Unha vez recibida a notificación, a Concellaría que xestiona García Legísima emitiu a seguinte resolución:
"Prohibir a presenza de cans no recinto escolar do CEIP Marcos da Portela con carácter permanente, tanto en horario lectivo como non lectivo.
Dispor que a porta que comunica o patio da vivenda do conserxe co recinto escolar estea permanentemente pechada para garantir que os cans non poidan acceder ao recinto escolar en ningún caso
Acordar que se aumente o tamaño do valo que separa a vivenda que utiliza o conserxe do centro escolar co recinto escolar coa finalidade de garantir que os cans non accedan ao recinto escolar".
Este acordo foi comunicado á ANPA, ao Consello Escolar, ao conserxe e á brigada de obras, sen que se volver a recibir petición algunha do Consello.
Ante novas situacións de alerta por parte da comunidade do centro, o concelleiro explicou este martes que o Concello está a estudar a nova situación para determinar cales poden ser -a partir de agora- as medidas que poida adoptar o Concello.
De todos os xeitos, lembra que é competencia da Xunta de Galicia sancionar aos propietarios de animais perigosos no caso que se cumpran os requisitos esixidos na lei 50/1999 de 23 de decembro de tenencia de animais potencialmente perigosos.