Caldas quere converter un edificio da SAREB en vivendas sociais
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis quere converter o edificio demolido parcialmente por orde xudicial entre as rúas Real e Dr. Sesto Casal en vivendas sociais
Segundo informou a través dun comunicado, o Concello está mantendo conversas coa Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) como novo titular do edificio para amosar o seu interese en destinalo á construción de vivendas sociais.
A administración local xa está estudando tecnicamente a posibilidade unha vez que o pasado mes de setembro tivo coñecemento de que o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Caldas de Reis adxudicou este edificio á SAREB.
O Concello considera que dada a complexidade urbanística e as dificultades construtivas desa edificación despois da demolición, e ao mesmo tempo pola súa posición central en plena Rúa Real, formando parte da área de rehabilitación integral de Caldas, a mellor solución é que esta edificación sexa destinada á promoción de vivenda social polo propio Concello de Caldas, co apoio de diferentes institucións e con financiamento europeo, estatal e autonómico en materia de rehabilitación de vivenda e desenvolvemento de vivendas de promoción pública.
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, recorda que a SAREB ten "unha política e un compromiso coa vivenda social" cunha bolsa de miles de vivendas cedidas ás administracións públicas para incrementar o parque público de vivenda social en toda España, e este debería ser o destino dunha edificación moi complexa que contribuiría a solucionar o problema do acceso á vivenda para a xuventude e os colectivos sociais máis vulnerables do municipio.
O alcalde destaca que é "imprescindible" evitar que esta edificación sexa obxecto de especulación privada e tamén é moi necesario que se poida resolver canto antes un espazo degradado en pleno Camiño de Santiago, na zona ARI de Caldas.
Desta maneira, poderían reverter o que foi un grave problema urbano no desenvolvemento dunha promoción privada nunha oportunidade para a mellora do centro histórico de Caldas ofrecendo ao mesmo tempo unha solución para a importante demanda de vivendas sociais na nosa vila.