Propoñen a Exaltación da Vieira de Cambados como festa de interese turístico galego
Por Redacción
Unha comisión de valoración designada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) vén de propoñer a declaración da Festa Exaltación da Vieira de Cambados como Festa de Interese Turístico de Galicia. Este acordo deberá ser ratificado polo Consello da Xunta e publicado no Diario Oficial de Galicia para a súa aprobación e declaración definitiva, que debería producirse, sinala o Concello de Cambados, antes de rematar o presente ano.
Confraría e Concello de Cambados, co respaldo da Consellería de Pesca, iniciaron en 2002 as xestións para organizar as I Xornadas de Exaltación da Vieira, que se celebraron no recinto feiral do paseo da Calzada. O evento tiña como obxectivo primordial relanzar a imaxe da vieira como produto natural de calidade e combater a crise que afectaba á flota de mariscadores deste molusco.
Hoxe en día, recorda o goberno municipal, esta festa faise coincidir coa da Virxe do Carme, de indiscutible arraigo mariñeiro, e este verán pasado ofreceu novidades interesantes como o discurso exaltación da vieira do xornalista radiofónico Luis del Olmo, ou a convocatoria dun certame da Canción Mariñeira.
As unidades de vieira que se reservan para cubrir a demanda adoitan esgotarse cada ano, nun evento onde o viño albariño complementa o éxito da degustación do molusco. En canto ó número de visitantes calcúlase que pasan por Cambados máis de 60.000 persoas durante a fin de semana dedicada a exaltar a vieira.
Cambados segue sendo o único porto galego autorizado para capturar e comercializar a prezada vieira. Por riba do éxito comercial, a organización procura subliñar a garantía de futuro que esta importante experiencia significa para as familias cambadesas que viven de capturar o molusco. A flota desta especie está formada por case un cento de barcos vieireiros nos cales enrolanse máis de 250 mariñeiros, un capítulo sobranceiro para a economía de moitas familias cambadesas.