Cambados volve extraer vieira despois de dez meses de prohibición pola toxina
Por Oskar Viéitez
A partir deste luns, unha vintena de embarcacións, a gran maioría de Cambados, extraerán algo máis de 3.000 quilos diarios de vieira. A razón de entre 30 e 40 quilos de tope por embarcación na zona VI da ría de Arousa.
Dende o pasado mes de febreiro non se puido obter vieira, pero as últimas mostraxes de toxina amnésica (ASP) realizados polo Intecmar sinalan que os índices remitiron, polo que se autorizou a extraer este produto.
O patrón maior de Cambados, Benito González, informou os armadores do inicio desta campaña tras chegar as autorizacións das consellerías de Sanidade e de Mar.
Porto de Cambados é a empresa participada polo pósito que se encarga do eviscerado e a comercialización da vieira. Dende a xerencia mostráronse escépticos sobre o comportamento do mercado polo que decidiron ser conservadores e limitar as capturas de tres toneladas por día. Segundo se vaian achegando os días festivos a cantidade poderíase aumentar.
O consumo de vieira fresca por Nadal supón o 30% da facturación anual desta empresa.