Fiscalía pide 32 anos de cadea para unha rede colombiana que traía droga de Madrid a Pontevedra
Por Natalia Puga
O fiscal Antidroga de Pontevedra, Luis Uriarte, concluíu xa a cualificación das actuacións de sete cidadáns de orixe colombiana que supostamente formaban un grupo organizado dedicado ao tráfico de drogas que traía periodicamente cocaína e marihana dende Madrid e os distribuía en Pontevedra cidade. Para todos eles pide unha condena a 32 anos de cárcere, se ben un, M.R.C., non poderá ser xulgado porque apareceu morto este verán na súa cela do centro penitenciario da Lama.
Os acusados teñen todos orixe colombiana, pero os domicilios distribuídos entre Madrid e Pontevedra. Foron arrestados a principios de marzo deste ano 2013 froito dunha investigación do Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Policía Nacional de Pontevedra, poucos días antes dunha das últimas grandes redadas antidroga no poboado chabolista do Vao, que rematou a pedradas e na que podería haber algún tipo de vinculación desta rede colombiana.
O fiscal Antidroga non establece esta vinculación no seu escrito de acusación, no que considera que seis dos sete acusados son responsables dos delitos contra a saúde pública e integración de grupo criminal. O sétimo só está acusado de tráfico de drogas, ao considerarse que non formaba parte da estrutura estable da banda. Por cada delito contra a saúde pública o fiscal pide para cada acusado catro anos e seis meses de cárcere e por cada un de pertenza a banda criminal, un ano.
Os seis acusados de pertencer á banda e de traficar con droga son César Mauricio T.G., alcume 'O Gordo',con domicilio en Madrid; M.R.C. (falecido); Juan Carlos D.C, 'Juancho' ou 'Caifás', veciño de Monte Porreiro; León Antonio T.I., 'Leo', veciño de Fernado Olmedo; José Fidel M.B., residente en Madrid; e Nidia Amparo M.S., tamén asentada na capital de España. O sétimo imputado sería Dayro Alberto, A.C, co domicilio establecido na rúa Ernesto Caballero de Pontevedra.
Para o desenvolvemento da súa actividade de narcotráfico existía unha clara distribución de funcións entre os imputados
Segundo o fiscal, os seis formaban un grupo estable de persoas que se dedicaban ao tráfico de drogas, concretamente cocaína e marihuana, na cidade de Pontevedra. A cocaína que distribuían era traída periodicamentente de Madrid e posteriormente vendida polos imputados entre os consumidores finais do produto. Para o desenvolvemento da súa actividade de narcotráfico existía unha clara distribución de funcións entre os imputados.
César Mauricio T.G. era, segundo o escrito de acusación que o fiscal xa remitiu o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, o encargado de conseguir a cocaína e enviala de Madrid a Pontevedra para proporcionala ao resto de imputados e que estes a venderon entre os clientes. Para iso, desprazábase á cidade do Lérez ou enviaba a outras persoas que lle facían de correos e traían os seus paquetes, sendo acreditado pola Policía Nacional que viaxou el mesmo os días 29 de decembro e 7 e 23 de febreiro e enviou correos o 8 de marzo.
M.R.C, a quen encontraron supostamente aforcado na súa cela da Lama en agosto, era o receptor da droga en Pontevedra e mantiña contacto co subministrador e cos vendedores finais do produto.
Juan Carlos D.C e León Antonio T.I. eran os encargados de vender a cocaína e José Fidel M.B. e a súa filla Nidia Amparo M.S. encargábanse de transportar a droga dende Madrid a Pontevedra, sempre baixo as ordes de César Mauricio T.G.. Ás veces viaxaban con el e outras sós, como aconteceu cando foron arrestados o 8 de marzo nun Citroen Xsara no que traían 300 gramos de cocaína.
As investigacións da Policía Nacional permitiron detectar algunhas accións directas de tráfico de drogas. O 30 de xaneiro 'pillaron' a León Antonio T.I. vendendo cocaína a un cliente na rúa Fernando Olmedo, onde vivía. O 27 de febreiro localizaron a Juan Carlos D.C subministrando droga a outro cliente mentres circulaban en coche por Pontevedra. O 8 de marzo Juan Carlos D.C entregou cannabis a Dayro Alberto A.C para a súa venda.