Condenan a 17 anos de prisión a cinco acusados de trapichear na cidade con droga que traían de Madrid
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Unha condena total de 17 anos de prisión e un acusado que resultou finalmente absolvido. ÿ o resultado do xuízo sinalado para este martes na Audiencia Provincial de Pontevedra contra un grupo de presuntos narcotraficantes que supostamente vendían a camelos e consumidores da cidade do Lérez cocaína e marihuana que previamente transportaban eles mesmos dende Madrid. Os procesados, de orixe colombiana, pero con domicilios establecidos en Madrid e Pontevedra, chegaron a un acordo de conformidade co fiscal Antidroga, Luis Uriarte, polo que viron reducida sensiblemente a pena de cárcere ao que se enfrontaban.
O fiscal formulaba acusación contra sete supostos narcotraficantes, pero un deles apareceu morto na súa cela da Lama durante a súa estanza en prisión preventiva por estes feitos e contra outro deles (J.F.M.B.) o fiscal decidiu retirar a acusación xusto antes do xuízo este mesmo mércores. Esta medida foi parte do acordo de conformidade alcanzado cos outros procesados e na sentenza que ditará a Sección Cuarta da Audiencia será absolvido.
A vista oral non chegou a celebrarse, pero si se deu a coñecer publicamente a pena final que se imporá aos cinco acusados finalmente condenados. En total o fiscal pedía para todos eles 32 anos de prisión, pero a condena coa que se conformaron e que xa é firme (todos sinalaron a súa intención de non recorrer a sentenza condenatoria) queda nos 17.
Segun explicou o fiscal antidroga, catro deles deberán cumprir tres anos e medio como autores dos delitos contra a saúde pública e integración en grupo criminal e o quinto só tres anos polo delito de tráfico de drogas por ser a persoa que supostamente vendía droga na cidade de Pontevedra, pero non pertencía á rede que a transportaba dende Madrid. De todos os xeitos, segundo transcendeu, a estanza en cárcere de todos eles será reducida, pois xa estiveron en prisión preventiva e se beneficiarán dunha redución do tempo efectivo de privación de liberdade.
Dentro da rede que estableceran, a persoa que supostamente conseguía a droga en Madrid para trasladala a Pontevedra era o procesado César Mauridico T.G., 'El Gordo', que en ocasións trasladaba a substancia ilegal en persoa e outras veces se valía doutros membros da banda. O fiscal consideraba inicialmente que dous deses correos eran o acusado J.F.M.B., finalmente absolvido, e a súa filla Nidia Amparo M.S.. A Policía Nacional arrestounos tras supostamente trasladar no mesmo coche un pequeno alixo de cocaína entre Madrid e Pontevedra, pero Luis Uriarte retirou a acusación contra o varón porque había dúbidas sobre a súa implicación nos feitos, ao ser posible que só a súa filla se encargase do transporte.
Catro dos sete acusados iniciais supostamente residían na cidade e vendían esa droga que traían o resto entre pequenos traficantes e consumidores locais. Deles, tres formarían parte da banda e outro non. Un dos membros da rede era o falecido M.R.C. e os outros dous Juan Carlos D.C, 'Juancho' ou 'Caifás', veciño de Monte Porreiro; León Antonio T.I., 'Leo', veciño de Fernando Olmedo. Estes dous aceptaron unha pena de tres anos e medio (tres anos por tráfico de drogas e seis meses por pertenza a grupo criminal) fronte aos cinco anos e medio aos que se enfrontaban inicialmente.
Ademais, na cidade tamén distribuía ao miudo esa droga traída dende a capital de España Dayro Alberto A.C., co domicilio establecido na rúa Ernesto Caballero, o procesado que non foi condenado por integrar grupo criminal por non considerar o fiscal acreditado que formara parte da estrutura da banda, senón que formaba parte dun chanzo inferior.
Os sete procesados iniciais foron detidos como froito dunha operación desenvolvida entre a Fiscalía Antidroga e axentes do Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Pontevedra. Os arrestos foron unha derivación da operación Papito, na que posteriormente se desenvolveu unha redada antidroga no polígono do Vao que rematou a pedradas en marzo de 2013.
Relacionadas:
-
Fiscalía pide 32 anos de cadea para unha rede colombiana que traía droga de Madrid a Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
A redada do Vao enmárcase na 'operación Papito', que empezou a investigarse hai tres meses
Por Natalia Puga |
-
A pedradas contra a Policía nunha redada con cinco detidos no Vao
Por Natalia Puga & Diego Torrado |