Once anos cos impostos conxelados en Marín
Por Redacción
O concelleiro de Facenda e tenente alcalde de Marín, Manuel Santos, presentaba este xoves en comisión extraordinaria a documentación do orzamento do Concello.
O montante total da conta municipal será de 13.529.069,20 euros, 75.000 euros máis que o orzamento do pasado exercicio, e que supón unha aposta por continuar "coa inversión pública que facemos desde o Goberno local, centrada en eliminar todos os gastos superfluos e centrándonos nas necesidades máis relevantes da nosa veciñanza", manifestaba o concelleiro de Facenda.
Ademais, con motivo da situación económica e social xerada pola pandemia da COVID-19, aprobouse a conxelación dos impostos. "Levamos 11 anos mantendo conxeladas todas as taxas e impostos que repercuten na veciñanza e este ano aínda temos un argumento máis para manternos nesa liña, dadas as dificultades económicas ante as que nos atopamos por mor da situación sanitaria", engadía Manuel Santos.
A esta conxelación de taxas e impostos, únese a bonificación aos sectores máis afectados pola pandemia, como é o caso da hostalaría, que está exenta do pago das terrazas e veladores desde o 2020 e durante todo o ano presente.
Segundo detallou o concelleiro, ao redor do 51% dos ingresos provén das taxas e impostos directos e indirectos do Concello, sendo o restante 49% correspondente aos ingresos procedentes da participación nos Tributos do Estado e da Xunta.
Con respecto aos gastos, o capítulo de Persoal supón ao 43,52% do Orzamento, e o gasto corrente ascende ao 52,77%.
Manuel Santos informou na Comisión Extraordinaria de Facenda que o Concello de Marín conta cun remanente de Tesourería de 4 millóns de euros, que será utilizado para levar a cabo seis grandes proxectos.
A humanización da Praza de Ponteporto, a reforma da Casa do Mar para convertela nun Centro de Día, a posta en marcha da rede de abastecemento de Bexe, a demolición do antigo Mercado de Cantodarea, a adaptación do Liceo Casino para transformalo nun Centro de Ocio Xuvenil e a construción do Auditorio son as seis actuacións previstas.
Relacionadas:
-
Marín incrementa máis dun 9% o seu orzamento e mantén conxelados impostos e taxas
Por Redacción |
-
A liquidación do 2020 de Marín péchase con cero endebedamento e un remanente de máis de 4 millóns de euros
Por Redacción |
-
O Concello de Marín achaca o déficit do 2019 ao atraso na recepción de investimentos e subvencións
Por Redacción |
-
Marín suprime o pago de impostos a comercios e locais de hostalería durante o estado de alarma
Por Redacción |
-
Marín presenta un proxecto orzamentario de 13,4 millóns, lixeiramente superior a 2017
Por Redacción |