Marín presenta un proxecto orzamentario de 13,4 millóns, lixeiramente superior a 2017
Por Redacción
O goberno local de Marín elaborou un orzamento municipal para 2018 que ascende a 13.454.474,25 euros, unhas contas un 2,4% superiores aos 13.139.135 euros de 2017 que, segundo o grupo de goberno, reflicte a realidade económica do municipio, cunhas contías uns pouco superiores, pero que non se afastan moito das que xa tiñan os orzamentos de hai 10 anos.
"Son fiel reflexo dos recursos que se prevén obter neste concello ao longo deste ano, e os cales son os que se poden xestionar, nin máis nin menos", indicou o goberno local este venres tras unha comisión informativa extraordinaria de Facenda na que o concelleiro de Facenda, Manuel Santos, presentou o documento aos grupos da oposición.
O grupo de goberno do PP destaca que o orzamento crece a pesar da conxelación das taxas e impostos tamén para este ano 2018. Si se prevé un incremento nos ingresos debido ás regularizacións e actualizacións que veñen realizando polas revisións do catastro, pero non por ningunha taxa municipal.
O 55% dos ingresos de Marín provirá este 2015 das taxas e Impostos directos e indirectos do Concello. O 45% restante procede de ingresos do Estado e da Xunta de Galicia.
No apartado de gastos, o 39,18% correspóndense ao capítulo de persoal, 5.271.602 euros. O gasto corrente ascende a 6.507.722 euros, o 48,37% do total. Neste gasto corrente, en liña con orzamentos anteriores, reducíronse ao máximo todos aqueles gastos superfluos, e incrementáronse aqueles que realmente repercuten directamente nos veciños, tales como os servizos das brigadas de obras e limpeza, e mantendo e mellorando a atención de servizos sociais, centros educativos, cultura, festas e deporte, mantemento das nosas praias, o noso rural, e un coidado especial dos nosos parques e xardíns así como do medioambiente.
Os investimentos ascenderán a 1.030.000 euros, o 7,66% do orzamento. Entre os proxectos máis destacados figuran 100.000 euros para a expropiación dos terreos necesarios para a apertura do viario entre cálea República Arxentina e Inferniño 175.000 euros para a humanización de cálea Concepción Arenal e 250.000 euros para proxectos incluídos na estratexia europea DUSI Marin 2020.