SOS de Ponte Caldelas á canceira provincial para capturar varios cans abandonados
Por Redacción
A presenza de animais abandonados no término municipal de Ponte Caldelas obrigou ao Concello a recorrer ao servizo provincial de recollida de cans abandonados. Tras recibir as denuncias de veciños de distintas parroquias pola ameaza que, en materia de seguridade cidadá e sanitaria, poderían representar os animais, procedeuse a retiralos das rúas para evitar incidentes.
Segundo o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, moitos dos cans abandonados no municipio son alimentados polos veciños das casas que merodean, quedándose daquela estes animais no lugar. Provocan, dixo, o conseguinte trastorno para os cidadáns ao derivar a súa presenza, nalgúns casos, en episodios de insalubridade pública pola presenza de parásitos ou ataques esporádicos a persoas.
De feito, o último can retirado no municipio de Ponte Caldelas produciuse na parroquia de Forzáns, trala denuncia realizada pola Asociación de Veciños. Nela, explicábase que un can abandonado atacara tres persoas, unha delas un neno que tivo que ser atendido nos servizos de urxencia hospitalaria da capital da provincia. Por iso, procedeuse a realizar os trámites oportunos para a súa captura e traslado á canceira provincial.
Por iso é polo que Perfecto Rodriguez advirta da perigrosidade que representan para a seguridade e a saúde pública o abandono de cans e recorda a existencia deste servizo da Deputación de Pontevedra, ao que está adherido o Concello, co fin de liquidar posibles casos que se estean producindo no municipio.
Antes de que o Concello participase desta iniciativa da Deputación, a retirada de cans e gatos que se levaba a cabo por unha empresa supoñía un custo por animal duns 120 euros. A adscripción a este servizo cústalle agora ao Concello, recordou, tan só 30 céntimos por habitante.
Os cans recollidos por este servizo son conducidos á canceira provincial de Meis onde permanecen, sine die, ata que son obxecto dalgunha adopción. Neste centro son tratados de posibles enfermidades, desparasitados e alimentados co fin de que os cans poidan recuperarse para a convivencia cos seres humanos.