Louzán cualifica de "éxito rotundo" o funcionamento do Centro de Acollida de animais na Armenteira
Por Redacción
O presidente da Deputación provincial, Rafael Louzán, visitou o Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN) situado en Armenteira (Meis) cando se cumpren catro meses dende a súa apertura. Alí, Louzán manifestaba que o centro "está funcionando a pleno rendemento e cun éxito rotundo" despois de máis de 600 intervencións. Segundo o presidente provincial, a cifra dá mostra da alta demanda que existía deste servizo nos concellos da provincia que non podía asumir pola súa conta debido á falta de medios técnicos e de recursos económicos.
Segundo os datos que facilita a Deputación, o CAAN leva recollidos 270 cans adultos e preto dun cento de cachorros de menos de dous meses nos 48 municipios que están adheridos a este servizo.
O concello no que se recolleron máis animais é o do Grove cun total de 29 animais. En relación coas bisbarras, a do Salnés foi a que máis demandou a atención deste servizo con 170 intervencións.
Louzán referiuse aos colectivos que criticaron a posta en marcha deste centro alegando falta de transparencia no tratamento que se ofrece aos animais recollidos. Segundo indicou Louzán "trátase dun servizo viable, que funciona e, o máis importante, que era moi necesario".
Neste período, o CAAN logrou 70 adopcións e, en breve, está previsto que se poña en marcha a web do centro para promover as adopcións que son gratuítas coa entrega dos animais vacinados, desparasitados e con microchip.
Nese sentido, a Deputación sinala que grazas ao microchip dalgúns animais perdidos, 150 donos puideron recuperar os seus cans no centro. Non obstante, o 90% dos animais de compañía que foron recollidos carecen do microchip e un 10% presentaba lesións ou enfermidades graves.
Segundo Louzán, este centro supuxo un aforro para os concellos de ata un 70% con respecto ao que pagaban ata agora. O servizo ten un custo de 250.000 euros anuais, dos cales preto de 130.000 os achega a Deputación e o resto os concellos a razón de 30 céntimos por habitante e ano.
Relacionadas:
-
A Deputación ampliará a canceira provincial
Por Oskar Viéitez |
-
SOS de Ponte Caldelas á canceira provincial para capturar varios cans abandonados
Por Redacción |
-
Os veterinarios esfórzanse por salvar a vida de Dulce, un can abandonado en Vilanova
Por Redacción |
-
O Centro de acollida de animais busca familias de adopción para 10 cachorros abandonados
Por Redacción |
-
Propoñen un "escrache mediático" contra a canceira da Armenteira: Hazle saber a Louzán que no estás de acuerdo con "Caan"
Por Redacción |