A Deputación ampliará a canceira provincial
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha campaña de sensibilización e concienciación social contra o abandono de animais, a través do seu servizo provincial de acollida de animais (CAAN). O obxectivo é atallar o problema dos abandonos desde a base "promovendo actitudes de respecto e concienciando á poboación contra este tipo de maltrato".
Así o asegurou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na rolda de prensa de presentación da campaña, na que tamén participaron o responsable veterinario do CAAN, Santiago Díaz, o xefe do servizo na Deputación, Gabriel Rodríguez, e a deputada Begoña Estévez.
A campaña componse de dous tipos diferentes de cartel e un tríptico informativo, cunha tirada de máis de 15.000 exemplares, que se distribuirán en todos os concellos da provincia, centros escolares, universidades e colexios de veterinarios.
Baixo o lema Tres cans abandonados por cada 1.000 persoas, ¿Es unha delas?, o primeiro dos carteis busca facer participe á sociedade do problema do abandono, que sofren 6.000 cans cada ano en Galicia. Neste sentido, o segundo cartel, Busco dono, presenta a imaxe de cans que están no centro en busca de novo propietario e trata de transmitir á poboación a necesidade de optar pola adopción como alternativa prioritaria de cara a adquisición dun animal. En canto ao tríptico informativo, ademais do contido dos dous carteis, recolle consellos e recomendacións para a tenza responsable de cans.
Rafael Louzán anunciou unha segunda fase da campaña, que se dirixirá a todos os centros de primaria da provincia, nos que se distribuirán unidades didácticas.
AMPLIACIÿN DA CANCEIRA
Na rolda de prensa de presentación da campaña, o presidente da Deputación anunciou a ampliación do centro, para o que se incluirá nos orzamentos de 2014 unha partida de uns 150.000 euros.
A comunidade de montes esixe a institución provincial unha suba do canon anual
Neste punto Louzán comentou o problema xurdido coa comunidade de montes Chan da Fonte, de Armenteira, que esixe a institución provincial unha suba do canon anual que se paga por este terreos, "todo un despropósito", dixo o mandatario provincial. Agora mesmo a Deputación está a pagar tres mil euros ao ano.
Louzán mostrou o seu enfado cos responsables da comunidade de montes, xa que a Deputación "colaborou con eles facéndolles uns acesos aos seus terreos, unhas melloras, colaboración con maquinaria", citou "aproveitarse desta conxuntura non me parece de recibo".
Rafael Louzán subliñou que se trata "dun servizo de interese social" que está a funcionar moi ben, como o demostra o feito de que nos sete primeiros meses de funcionamento se teñen realizado xa máis de 1.200 intervencións, sendo as comarcas do Salnés e Vigo as que maior número de actuacións requiriron, con 305 e 253, respectivamente.
Dos animais recollidos, máis dun cento foron adoptados, mentres que 143 puideron ser entregados aos seus donos. Algo máis de 400 atópanse nestes momentos no centro de acollida de Armenteira.
Relacionadas:
-
Tragsa renova o convenio para a xestión da canceira de Armenteira
Por Redacción |
-
O centro de acollida de animais de Armenteira propiciou 50 adopcións nun mes
Por Natalia Puga |
-
O Centro de Recollida de Animais da Armenteira denuncia a aparición dun can envelenado en Barrantes
Por Redacción |
-
Louzán cualifica de "éxito rotundo" o funcionamento do Centro de Acollida de animais na Armenteira
Por Redacción |
-
Propoñen un "escrache mediático" contra a canceira da Armenteira: Hazle saber a Louzán que no estás de acuerdo con "Caan"
Por Redacción |