As obras no lavadoiro de San Amaro chegan ao seu fin
Por Redacción
O lavadoiro de San Amaro está recuperando a súa fisionomía tradicional despois das obras de rehabilitación realizadas nos últimos meses. Os traballos están na súa fase final, coa instalación dunha caseta para o cadro de bombeo e a reposición do firme da calzada.
As obras forman parte do convenio que o Concello subscribiu cun particular e permitiron a recuperación da estrutura da cuberta con materiais tradicionais e acometeuse a reparación dos elementos de canteiría danados, así como a colocación de novos remates.
Foi necesario demoler a anterior cuberta e os piares de formigón que a sostiñan para substituílos por uns de pedra de sección cadrada e unha estrurura de madeira que á súa vez sostén unha cuberta formada por viguetas de madeira laminada e cubrición de tella do país. O proxecto tamén incluíu un tratamento na contorna, a renovación do muro e a rehabilitación da contorna da capela de San Amaro.
No espazo público, a Concellaría de Urbanismo, que xestiona Xaquín Moreda, renovou as beirarrúas, a iluminación e colocou bolardos para evitar o estacionamento de vehículos. Tamén renovaron as redes de abastecemento e saneamento de auga e a canalización soterrada dos servizos de subministro de electricidade, telecomunicacións e gas cidade.
No convenio das obras, o Concello autorizou o reaxuste de alineacións en tres parcelas para a construción de tres vivendas unifamiliares, mentres que os beneficiarios achegaron 105.814,49 euros para acometer os traballos de rehabilitación do lavadoiro e cederon os terreos colindantes que permitiron gañar espazo público e mellorar a contorna da capela de San Amaro.