Daniel Lorenzo, presidente de Hoempo: "Isto non afecta só os hostaleiros, os políticos vanse a levar un golpe duro"
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Daniel Lorenzo é o propietario do pub La Pomada, na céntrica praza pontevedresa Marqués de Aranda, e desde hai uns días preside tamén a principal asociación de hostalería da cidade, Hostaleiros Empresarios de Pontevedra ( Hoempo). Asume o cargo para seguir traballando en equipo por un rescate para o sector, ofrecer atención a todos os usuarios e velar pola unidade da hostalería como única saída para arrincar indemnizacións útiles das administracións.
- Que lle levou a dar o paso para facerse presidente de Hoempo?
Víctor Pampín tiña uns problemas persoais e non podía dedicarlle o tempo que se necesita neste momento. Como temos un equipo de traballo moi bo, entre todos dixéronme que dese o paso. Como estamos nun momento excepcional douno, pero para seguir traballando en equipo. O de presidente é un símbolo, somos un grupo de traballo.
- É unha época moi complicada para o sector, que obxectivos márcase a curto prazo?
É unha época moi moi complicada. Xa levamos meses traballando moi duro e dedicándolle moitas horas á hostalería e imos seguir facéndoo para pelexar polos dereitos que nos corresponden aos hostaleiros.
- Esta fin de semana unha nova reapertura da hostalería só co 50 % das terrazas.
Non é unha solución. A maioría dos negocios que abran así non lles dará nin sequera para pagar os gastos. Pero estamos desesperados porque as indemnizacións non chegan. A única solución que ten isto é un rescate. Nós non estamos en contra de ningunha medida porque non somos expertos, somos hostaleiros. Pero esas medidas teñen que vir acompañdas de indemnizacións porque senón este sector vai caer. De feito moitos compañeiros xa caeron, por desgraza.
- Que pasa coas subvencións? A Xunta anuncia millóns de euros para axudar ao sector, pero as asociacións aseguran que eses fondos non chegan.
Fai máis dun mes que anunciaron un segundo plan de rescate mal chamado porque non é un rescate. Son pequenas propinas que non dan nin para cubrir unha pequeniña parte. Un exemplo, o meu local é de lecer nocturno, levamos case un ano pechados, só abrimos mes e medio no verán e con moitísimas restricións. Para que me dan esas axudas, para un mes de gastos? Están de broma. Nós necesitamos unhas indemnizacións reais, que se fale connosco e expliquémoslle que necesitamos. Esa é a saída.
Estamos a formar unha federación galega de asociacións de hostalería. Mañá (por hoxe) hai unha manifestación en 20 localidades de toda Galicia, o día 13, unha gran manifestación en Santiago. Cremos que a Xunta debería falar connosco para salvar o sector.
- E que hai do plan de desescalada para a hostalería?
A desinformación é moi grande. Non se dan conta de que temos uns negocios nos que necesitamos facer compras, moitas delas perecedoiras. O que non se pode facer é: agora ábrovos e agora péchovos co local cheo de mercadoría, porque acaba tirándose. É un desperdicio e perda de diñeiro moi grande.
- Como colectivo están a centrar agora as súas reivindicacións cara á Xunta pero, que hai das outras administracións?
Nós non cargamos contra ninguén, estamos a tentar defender ao sector da hostalería. A todos facémoslle reivindicaiones e tendémoslle a man para falar. Ao Estado, fomos camiñando ata Madrid para pedirlles un erte único onde os nosos traballadores cobren o 100 %. Non pode ser que haxa traballadores que aínda non cobrasen, non poden estar desprotexidos. Pedímoslles tamén un plan de rescate serio e articulado coas comunidades autónomas. Teñen que dialogar e non tirarse o balón dunhas a outras.
A Xunta ten as competencias e estámoslle esixindo ese plan de rescate, indemnizacións e maior diálogo co sector.
Aos concellos estamos a pedirlle bonificacións en taxas e a exención das do 2020.
Ás deputacións, que poñan o seu granito de area. No caso de Pontevedra, salvo a Vigo e a capital, o resto de pobos si que entrarían en axudas que poden dar ao sector.
- Senten que exista algún tipo de avance en todas esas peticións case un ano despois do estalido da pandemia?
Sentimos que practicamente non hai avances. Levámonos bastantes desilusións cos nosos políticos porque é momento de medidas extraordinarias, de facer cousas diferentes e eles non están á altura. Bótanse a pelota uns a outros e non dan solucións. É unha desilusión que a xente que realmente lle ten que dar solucións ao pobo non llas estea dando.
- Moitos locais continúan pagando os seus alugueiros a pesar de que permanecen pechados, que está a facer Hoempo por eles?
Como asociación a todos os nosos socios démoslles, en colaboración co Concello, unha opción para mediar con propietarios nos meses de setembro ou outubro. Varios socios acolléronse e chegaron a acordos. Cremos que isto é algo que desde o Goberno ou a Xunta deberían lexislalo dalgunha maneira.
Non é xusto que os propietarios paguen os pratos rotos e tampouco é xusto que os paguemos nós. As administracións deberían dar unha solución tanto a inquilinos como a propietarios.
- A hostalería non é a culpable, pero xa van tres peches do sector e o resultado é que os casos se reducen. Hai que pedir responsabilidade aos consumidores para que cumpran as normas e reducir ao máximo a transmisión nos restaurantes e bares?
Os casos baixan pero tamén o fan porque se reduce a mobilidade. O presidente da Xunta di que ao pechar a hostalería baixan os casos, pero non conta de que hai menos mobilidade, de que pasamos un Nadal na que os nenos non van aos colexios... Hai moitas outras cousas que inflúen. Si que pido a toda a xente, usuarios de hostalería ou de calquera comercio, que sexamos responsables tanto no ámbito público como privado para poder pasar da mellor forma e coas menores mortes posibles todo este grolo que estamos a pasar.
- Este mércores manifestacións conxuntas en numerosas localidades de Galicia, está a hostalería máis unida que nunca?
Si. No primeiro confinamento tiña dúbidas de que un sector tan heteroxéneo como a hostalería puidese chegar a unirse. A medida de que pasaron os meses, o meu grao de satisfacción é moi alto. Vexo aos hostaleiros e aos autónomos cada vez máis unidos. Vexo a diferentes sectores cada vez máis unidos, porque isto non nos afecta só aos hostaleiros. Vexo moitísimo apoio. E creo que os únicos que non o están vendo son os políticos e vanse a dar un golpe moi duro por non ter os ollos ben abertos e os oídos escoitando ao que din os hostaleiros e outros gremios.
- Con todo, en Pontevedra hai dúas agrupacións de hostaleiros (Hoempo e PAC) e outras asociacións de comerciantes e empresarios como Aempe, AJE ou Zona Monumental. Está o sector tamén unido e colaborando na cidade?
Creo que hai bastante unidade entre todos. Nas manifestacións había representantes de todas as agrupacións, temos reunións, falamos e colaboramos nalgunhas accións que xa temos previstas para o momento no que nos deixen abrir medianamente ben.
- Vostede ten un local de lecer nocturno. Son os peor parados dun dos sectores peor parados por esta crise?
Si. Para o noso subsector a esperanza cada día é máis difícil tela porque practicamente non se fala de nós, téñennos abandonados. Nun ano abrimos mes e medio cunhas restricións altísimas e non nos dan solucións. Non nos din nin cando, nin como, nin que solución van ter os nosos negocios. Por desgraza un terzo de compañeiros xa se quedaron atrás e é moi triste. Familias que apostaron os seus aforros nun negocio, que depositaron esperanzas nel, de súpeto intervéñenllo, non os deixan traballar e non os indemnizan.
- O sector xa levaba anos padecendo falta de apoio institucional en Pontevedra, esta situación é case a puntilla. Vai desaparecer a noite en Pontevedra?
Quero crer que non, pero todas as mensaxes que nos envían son moi negativos. Creo que sería moi triste que desaparecese un sector que dá alegría e que é moi moi responsable. Cada visitante que vén de fóra e tómase unhas copas na noite pontevedresa sae de aquí máis que encantado. Somos unha parte fundamental para o turismo. Quen non sexa capaz de velo ten un gran problema. Sen a noite o turismo e a súa calidade baixaría moitísimo.
- Como presidente da asociación de hostaleiros, pode mandar unha mensaxe de optimismo aos seus compañeiros?
Quero dicirlle a todos os compañeiros que teñan moita forza, que aguante e que sigamos unidos Unidos conseguiremos que se nos rescate. Calquera compañeiro que o necesite pode contar con Hoempo, estaremos para axudar en todo o que podamos. Moveremos Roma con Santiago para axudar a calquera hostaleiro de Marín, Poio ou Pontevedra ou, agora a través da Federación, de Galicia. Que se poñan en contacto connosco, estamos abertos a todos só queremos cada día máis unidade.
Relacionadas:
-
RADIO.- Os ERTES "serán necesarios como mínimo ata finais de ano"
Por Marisa Ciordia |
-
Plan piloto da Xunta para a reapertura do sector do ocio nocturno
Por Redacción |
-
Escepticismo no lecer nocturno pontevedrés ante a reapertura prevista pola Xunta para inicios de verán
Por Manu Otero |
-
Un ano sen lecer nocturno en Pontevedra: os primeiros en pechar, os últimos en abrir
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A hostalería de Pontevedra retoma as protestas nun día de manifestacións por toda Galicia
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A Xunta amplía as axudas a unha hostelería que intensifica as movilizacións
Por Manu Otero |
-
A Federación Provincial de Hostaleiros denuncia á Xunta polo peche do sector
Por Manu Otero |