O PP de Pontevedra airea outro contrato "irregular" e advirte de que "non vai ser o último"
Por Manu Otero
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra volve á carga no seu empeño por destapar presuntas irregularidades na xestión do BNG no Concello. Hai uns días, Rafa Domínguez desvelou como os nacionalistas asinan contratos con persoas, empresas ou asociacións afíns ao partido e este venres o líder da oposición sacou á luz un contrato de obras e servizos, cuxa duración máxima será de catro anos, que se foi renovando ano a ano durante 20 anos a unha integrante do Consello Local do BNG en Pontevedra.
Explicou o popular que a persoa contratada, á que non fan ningún reproche polo traballo realizado, é a encargada do Servizo de Normalización Lingüística do Concello. Un departamento creado no 2000, un ano despois da chegada de Miguel Anxo Fernández Lores á alcaldía.
Fai referencia Domínguez a varios informes do departamento de Intervención e de Persoal no que alertan da necesidade de regular este posto de traballo unha vez que quedou demostrado que non se trata dunha obra puntual, senón que é un servizo plenamente integrado no funcionamento do Concello. "Debería incluírse na Relación de Postos de Traballo e ser sacado a concurso público para que calquera persoa puidese optar a ese posto en igualdade de condicións", esixe o portavoz do grupo popular.
O responsable desta reiterada renovación dun contrato de obras e servizos a pesar dos reparos de Intervención é, para Rafa Domínguez, o rexedor pontevedrés. O alcalde ten a potestade de saltarse os requirimentos de Intervención e dar continuidade aos expedientes que este departamento paraliza cando detecta unha posible irregularidade. "Sería dificilmente xustificable ante un xuíz", dixo Domínguez, quen prefire resolver estes asuntos no ámbito político.
Desde o PP aseguran que nas próximas datas seguirán sacando á luz contratos e que a diario reciben múltiples chamadas de cidadáns e funcionarios do Concello advertíndolles de presuntas irregularidades no procedemento dos nacionalistas. "Non me vou a calar", dixo o líder dos populares acusando o goberno local de empregar dúas varas de medir: unha para persoas afíns ao Bloque e outra para o resto de traballadores.
Neste sentido, desde o grupo opositor lembraron que recentemente foi despedida unha traballadora do Concello e avisan que proximamente haberá máis despedimentos. É por iso, que o edil urxe a creación dunha comisión de investigación que presida a súa compañeira de partido Pepa Pardo para investigar a "xénese" de todos estes contratos porque "non é o último contrato que sacaremos e todos para favorecer a xente afín ao BNG", rematou
Relacionadas:
-
O PP denuncia a adxudicación irregular da xestión do IBI por parte do Concello de Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O PP aprecia ilegalidades "flagrantes" en dúas obras municipais e sopesa acudir á xustiza
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez ve "nerviosismo" nos "insultos" e "descualificacións" de Carme da Silva ao chamalo "neno pijo mal criado"
Por Redacción |
-
Carme da Silva, sobre a comisión de investigación que pide Rafa Domínguez: "é unha pataleta dun neno pijo mal criado"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rafa Domínguez pide que se abra unha comisión de investigación sobre os contratos "políticos" do BNG
Por Alejandro Espiño |