Os 100 anos de Don Dositeo, o incombustible cura de Ribadumia
Unha misa os sábados. Dúas cada domingo. Non se perde as festas do pobo. Nin as vodas. "Se me atopo ben", recoñece, tamén oficia os funerais entre semana. Don Dositeo é incombustible. Aos seus 100 anos recentemente cumpridos segue en activo. "Mentres non me chame o de arriba aquí estarei", asegura.
Chegou a Ribadumia con apenas 23 anos. "Acababa de ser ordenado sacerdote. Levaba dous meses", rememora este veterano relixioso, que recibe a PontevedraViva na casa reitoral de Santa Baia, na que vive acompañado da familia que o coida. Era 1944. "Eran tempos moi difíciles", lembra dunha época na que "non tiñamos nada" e no pobo "había fame e moita necesidade".
"Fixen o que puiden polo pobo. Puiden facer aínda moito máis seguramente, pero conténtome con saber que axudei e acompañei sempre á xente de aquí", explica o clérigo, que leva 77 anos á fronte de dúas parroquias, Santa Baia de Ribadumia e San Juan de Leiro.
El nunca foi un cura ao uso. Foi moito máis. Quizá porque, como el mesmo destaca, chegou ao pobo "con esa ansia de xuventude que enseguida nos parece que imos descubrir o mundo". Máis aló dos seus labores eclesiásticos foi todo un benefactor para o pobo.
Creou unha caixa de aforros para os agricultores, impulsou unha escola de baile e foi un dos fundadores do equipo de fútbol de Ribadumia. O campo o que xoga ocupa terreos cedidos pola parroquia. Como o auditorio, o centro de saúde ou o tanatorio.
Foi ademais un dos primeiros curas que decidiu oficiar as súas misas en galego e nunca quixo abandonar o pobo. Ascender no escalafón eclesiástico "non era para min", defende.
"Estou orgulloso do que fixen. Axudáronme moito e movín á xente para facer cousas", sinala Don Dositeo que, debido a este compromiso, é un home venerado en Ribadumia. É difícil atopar a alguén que non fale del con auténtica devoción.
No pobo, segundo o sacerdote, "somos unha gran familia" e os seus habitantes "estímanme moito". Pola súa banda, el segue entregado "a axudarlles e a estar ao seu lado". Como fixo desde o primeiro día. "Paréceme imposible crer que chegase aos 100 anos", engade.
A pesar da súa idade, Don Dositeo goza dunha saúde envexable. Só se resentiu hai uns anos cando unha caída doméstica limitou a súa mobilidade. "Teño unha vida moi activa", presume. Iso si, "non madrugo" asegura riseiro. A televisión e os xornais "axúdanme a estar ao día de todo" -e chancea con que "igual probo con iso da internet"- e despois de comer "descanso un pouco".
"Leo moito, escribo e estudo pero non para exame", resume o clérigo sobre os seus quefaceres diarios, entre os que tamén saca tempo para coordinar a folla parroquial, atender ás oracións, recibir visitas "e moito teléfono", especialmente nesta época de pandemia.
Cando lle preguntas pola covid-19 el teno claro. "Nunca pensei que viviriamos isto das máscaras. Eu estaba afeito ás gripes e aos catarros, pero non crin que puidésemos chegar a esta situación", destaca o cura de Ribadumia, que relata como mesmo celebrou misas na casa reitoral "cando non podiamos saír nin con máscara".
Pero esta situación non fixo que Don Dositeo perdese nin un chisco a ilusión por manter viva a súa vocación. "Teño ganas de seguir dando misa", asegura. Ata a igrexa desprázase nunha cadeira de rodas e oficia sentado a eucaristía. Pero aínda le e predica con asombrosa lucidez. "E axúdanme moito", recoñece, o grupo de seglares que el coordina.
Hai dous anos, coincidindo cos seus 75 anos como sacerdote, recibiu unha felicitación expresa do Vaticano. E é que non é para menos. "Creo que non hai ninguén en Galicia que chegue aos 100 anos e que estea en activo. Retirado, si. Pero en activo non", sinala o clérigo pontevedrés.
Esa "comprensión", como el mesmo a define, das autoridades eclesiásticas fai que Dositeo Valiñas, que naceu en 1921 no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, nin pense en xubilarse. "O arcebispo aínda me dixo hai uns días que non obrigarán a renunciar. Depende de min. E eu teño claro que mentres poida, aquí estarei", reitera.
Ata cando?, quixemos saber. "Preguntádeme de novo cando teña 105", conclúe.