O PP di que as axudas da Deputación "chegan tarde e son totalmente insuficientes"
Por Oskar Viéitez
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, entende que as axudas da Deputación de Pontevedra para os sectores económicos afectados pola pandemia "chegan tarde e son totalmente insuficientes".
Para o voceiro popular, os 1,6 millóns de euros que a Deputación vai sumar no pleno deste venres ao seu plan de rescate "non se corresponde coa capacidade económica que ten a institución provincial", porque, segundo argumenta, manexa un orzamento anual de 164 millóns de euros e que conta con máis de 20 millóns de remanentes.
"Desde o PP levamos desde outubro reclamando axudas directas da Deputación para autónomos e pemes co rexeitamento reiterado do Goberno provincial, que agora, grazas á presión do noso grupo e do propio sector, aproba unhas axudas pola mínima e que están moi lonxe do que necesita o sector". Nesta liña, di que "demostramos que non era que non puideran, era que non querían".
A este pleno o grupo provincial do PP presentará propostas "serias e viables" como, sinala Cubela, suplantar o plan concellos xa que entenden que "o criterio para repartir as axudas provoca desigualdade" xa que "só teñen en conta a poboación de cada concello, cando non está relacionado co número de negocios que hai nese municipio". Por iso, o PP pide que tamén compute para o reparto dos cartos entre os concellos o número de negocios, un dato que poden obter do ORAL.
Ademais, os populares queren que deixen decidir aos propios concellos, dentro da súa autonomía, si con esta ampliación do Plan Concellos queren aprobar axudas directas, integrarse no fondo da Xunta ou repartilas a través de colectivos empresariais. E outra das propostas que fan desde o PP é que se amplíe o límite de 10 traballadores para as pemes.
Relacionadas:
-
Aproban por unanimidade aumentar en 1,6 millóns de euros as axudas para os sectores afectados pola pandemia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Ágora, o plan da Deputación para duplicar o espazo público peonil
Por María José Pita |
-
A Deputación aprobará o venres máis de 1,6 millóns para que os concellos axuden aos sectores afectados pola pandemia
Por Redacción |
-
A Deputación comprométese a destinar o 1% do orzamento a axudar á hostalería e o turismo
Por Redacción |