Pontevedra confirma a tendencia á redución da siniestralidade e pecha 2020 con só 4 feridos graves en accidentes de tráfico
Por Natalia Puga
En todo o ano 2020, en Pontevedra rexistráronse 351 accidentes de tráfico que deixaron 81 feridos, 77 leves e os outros catro graves. As cifras supoñen unha diminución do 31,71%, con respecto aos 514 sinistros do ano anterior, sendo especialmente rechamante a redución dos feridos graves, que pasaron de 21 a 4, isto é, un 81% menos.
Os datos de siniestralidade facilitounos este venres a concelleira de Protección Cidadá de Pontevedra, Eva Vilaverde, que aproveitou para asegurar que, con eles na man, pódese chegar á conclusión "moi importante" de que se confirma a tendencia á baixa na redución dos accidentes na cidade.
Así, recoñece que hai que ter en conta as "circunstancias especiais" do ano 2020 en tanto que en marzo, abril e maio houbo confinamento e desde finais de outubro peche perimetral de Pontevedra, de maneira que se reduciron os desprazamentos, pero, aínda así, esa tendencia confírmase tanto no número de accidentes como, sobre todo, na gravidade dos mesmos.
"Cando falo de tendencia, falo de dato estatístico claro e obxectivo, cada vez son menos", insistiu Eva Vilaverde, que cre que o feito de que só houbera catro feridos graves en todo 2020 supón "cifras xa de resistencia", sobre todo tendo en conta que "non é o primeiro ano, xa ven de atrás", e Pontevedra leva xa nove anos consecutivos sen accidentes mortais.
Segundo as estatísticas que manexa a Policía Local, o 77% do total dos accidentes en 2020 foron por danos materiais, o 22% deixaron feridos leves e tan só no 1 % houbo feridos graves. Está considerada ferida grave aquela persoa implicada nun accidente de tráfico que é trasladada a un centro hospitalario e permanece ingresada máis de 24 horas.
Sobre as catro persoas que resultaron feridas leves, os informes policiais indican que tres conducían o vehículo sinistrado e 1 era un peón.
En canto ao número de atropelos, rexistráronse un total de 18. En 16, o resultado foi que houbo feridos leves e tan só un deses accidentes deixou un ferido grave. Un dos atropelos rexistrados non deixou feridos, senón tan só danos materiais e, pola contra, houbo un sinistro con dous peóns feridos, un leve e outro grave. Segundo estes informes, o 89 % dos atropelos son con feridos leves.
Estas cifras supoñen reducir a máis da metade os atropelos nun ano, pois en 2019 houbo 46 nos que se rexistraron 32 feridos leves e 13 feridos graves.
Neste recentemente rematado 2020, 12 deses atropelos producíronse en pasos de peóns e deixaron 11 feridos leves e un grave; 4 producíronse en zonas de prioridade peonil, con 3 feridos leves e outro sen feridos; e 2 cando o peón circulaba pola calzada. 12 foron accidentes con turismos, 2 con furgonetas, 2 con motocicletas e 1 cunha bicicleta.
As estatísticas confirman que durante os meses do confinamento se reduciu o tráfico e, polo tanto, a siniestralidade. Desta maneira, en marzo tan só houbo 12 accidentes de tráfico, en abril 11 e en maio 15, isto é, menos da metade da media do resto do ano. Xusto no mes anterior ao estado de alarma, febreiro, houbera 32, e no mes seguinte, en xuño, pasaron a ser 30. En agosto chegou a haber 45.
Eva Vilaverde tamén achegou outras estatísticas como o feito de que tan só houbo 12 accidentes con bicicletas e que non hai ningún ferido, un novo dato que demostra que se pode "falar dunha cidade segura" e que a liña de traballo que o Concello ten en marcha nos últimos anos con intervencións no espazo público e na mobilidade e coa intervención policial funciona.
Pontevedra, segundo Eva Vilaverde, "atopou o seu camiño hai anos e nese camiño temos que seguir camiñando porque está claro que dá resultados importantes". "Sempre dicimos que os accidentes non poden evitarse, pero cando adoptando determinadas medidas eses accidentes si se poden reducir, quere dicir que iso non era un accidente", sinala, e engade que non adoptar esas medidas "sería unha neglixencia pola nosa parte".