Jeanne Picard: "Moitas cidades e moitos cidadáns entenden hoxe por fin o que fixo Pontevedra hai moitos anos"
Por Alejandro Espiño
Para a presidenta de Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, que unha cidade como Pontevedra cumpra unha década sen que os accidentes de tráfico se cobraran nin unha soa vítima mortal "paréceme a mellor noticia que un pode ter".
Pontevedra "resta" nas "frías estatísticas" de falecidos en sinistros de tráfico, segundo esta experta, que asegura que esta cidade galega "é un exemplo a seguir" tras converterse nunha urbe "saudable e segura" na que a prioridade "é o peón e a vida".
"Moitas cidades e moitos cidadáns entenden hoxe por fin o que fixo Pontevedra hai moitos anos", asegura Picard nesta entrevista con PontevedraViva, tras unha pandemia que impuxo un cambio de paradigma habitacional.
As cidades "son para os seus habitantes" e non para que "nos invadan os vehículos de motor", sinala a presidenta desta asociación, que engade que "son para vivir e para convivir". Nelas "hai que protexer ao peón e ese é o cambio que logrou Pontevedra".
Stop Accidentes leva vinte anos loitando contra a "violencia viaria", como se refire Jeanne Picard a uns sinistros que "nun 99% pódense evitar" polo que "non son accidentes".
As autoridades, segundo Picard, "teñen que considerar todos os factores" que interveñen en sucesos deste tipo. "É verdade que pode ser por unha fochanca na estrada pero o que teñen que facer as cidades é darlle prioridade ao peón", insiste.
"Pontevedra é unha cidade para os seus cidadáns. Iso é o mellor que se pode dicir dunha cidade", asegura Jeanne Picard
Protexer ao que camiña a pé é "clave", subliña a presidenta de Stop Accidentes, porque se se obriga ao condutor para reducir a velocidade, a extremar as precaucións ou a frear ante elementos físicos que dificulten a circulación "sálvanse vidas".
"Esa é a filosofía de visión cero na que os países nórdicos levan moitos anos traballando e por fin isto vai entrando nas prioridades dos políticos", explica Jeanne Picard, que reitera que "isto non se consegue sen vontade política".
A iso engade a necesidade de contar con cidadáns "concienciados, educados e formados" e para iso "hai que demostrarlle que isto funciona", como se comproba cada vez que se peonaliza unha rúa comercial "onde se protesta cando lle quitas o coche da porta e cando xa non os teñen piden que non llos volvan a poñer".
Iso ocorreu no seu día en Pontevedra, lembra a representante de Stop Accidentes en Galicia, que destaca que as súas rúas "son un gran centro comercial", con áreas peonís que se converteron en lugar de paseo para os maiores ou nun camiño escolar seguro para os nenos.
"É unha cidade para os seus cidadáns. Iso é o mellor que se pode dicir dunha cidade", conclúe.
Relacionadas:
-
'Cuadernos de Estrategia' do Ministerio de Defensa destaca a ordenación urbana de Pontevedra
Por Redacción |
-
A ambición (cumprida) de Pontevedra: dez anos sen mortos por accidentes de tráfico
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, cara á siniestralidade cero: pecha 2020 con só 4 feridos graves en accidentes de tráfico
Por Natalia Puga |