E á guitarra... a defensa do Bacharelato de Artes
Por Redacción
Todo concerto que se prece non termina sen antes presentar aos integrantes da banda. O celebrado este sábado durante toda a tarde na Praza da Peregrina non ía ser menos. Catro bandas musicais da cidade déronse cita nunha protesta musical na que a presentación final dos participantes ben puido ser: á batería, "en defensa do público" e á guitarra, o Bacharelato de Artes.
O concerto organizárono un grupo de alumnos do bacharelato artístico de Pontevedra coa finalidade de facer notar o seu malestar por unhas declaracións do ministro de Educación, José Ignacio Wert, das que interpretan que van suprimir esta modalidade de ensino.
Ao longo de toda a tarde centos de persoas fóronse alternando para presenciar as distintas actuacións, entre as que tamién estiveron Narcolepsia, Angy Hands, Vagabond, Helter Skelter e o coro do IES A Xunqueira I. Todas estiveron presididas por unha pancarta reivindicativa: "en defensa do público".
Cada unha das bandas reiterou o motivo da protesta para facela chegar ao público e xerar unha corrente crítica coa posibilidade de que deixe de impartirse a modalidade de artes escénicas, música e danza do Bacharelato Artístico.