Animan a gozar de Marín a pé polas cinco rutas de sendeirismo do municipio
Por Redacción
As cinco rutas de sendeirismo que están habilitadas en Marín foron agrupadas nunha campaña de promoción turística bautizada como Marín A Pé. A través delas, o goberno municipal anima a toda a veciñanza a "descubrir espazos do noso propio lugar" e gozar do tempo libre.
A edil de Turismo, Cristina Acuña, recorda que nun momento no que "todos temos que cambiar o chip" e buscar alternativas de lecer que sexan "seguras e sostibles" Marín ofrece opcións "excelentes" para aproveitar as circunstancias excepcionais que vivimos.
"Facer sendeirisimo é unha forma moi boa de coñecer o noso municipio, máis alá do casco urbano", asegura Acuña, que recorda que o positivo desta actividade é que pode facerse con convivintes ou en soidade, cumprindo co resto de medidas actualmente vixentes.
En total, son cinco os percorridos que poden facer aqueles amantes da natureza.
Por un lado está a Ruta dos 5 Miradoiros, un traxecto que supón a descuberta dos grandes miradoiros do municipio, cambiando a perspectiva desde a que coñecer Marín. Son 7 quilómetros cunha dificultade media e un tempo estimado de realización de 3 horas.
A través da Ruta das Praias, desde Portocelo ata O Santo, visítanse lugares únicos que son recoñecidos con distintivos ambientais como a Bandeira Azul. O nivel de dificultade é medio e supón unha ruta perfecta para realizar con toda a familia. A súa lonxitude é de 8 quilómetros e un tempo estimado de realización de 2 horas.
Definida como a gran ruta de Marín, a Ruta dos Montes e Praias permite a aqueles que a fan descubrir todo o patrimonio escondido entre os montes da vila como muíños, mámoas ou menhires. A dificultade é media-alta e supón algo máis de esforzo por parte do sendeirista.
A Ruta do Monte Penizas é un percorrido lineal ata o cumio do Monte Penizas, pasando polas trincheiras da Escola Naval ata Santomé de Piñeiro, mentres que a Ruta de Subida ao Lago de Castiñeiras, un dos pulmóns verdes de Marín, supón camiñar en ascensión cara o río Lameira.
Relacionadas:
-
Posta a punto para a Ruta de Montes e Praias de Marín o 26 de febreiro
Por Redacción |
-
A mellora do colector do Río Lameira ascende a case 4 millóns de euros
Por Redacción |
-
Wikiloc recolle con datos actualizados os seis roteiros a pé de Marín
Por Redacción |
-
Sumar "likes" en Instagram ten premio no concello de Marín
Por Redacción |
-
Marín acondiciona o roteiro do Lago de Castiñeiras para recibir visitantes
Por Redacción |