Posta a punto para a Ruta de Montes e Praias de Marín o 26 de febreiro
Por Redacción
O Concello de Marín xa comezou cos preparativos da nova edición da Ruta Montes e Praias, que se celebrará o 26 de febreiro.
A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, e o presidente do Club de Montañismo Xesteiras, José Francisco Gil Dopazo, repasaron durante a pasada fin de semana algúns dos tramos que formarán parte do roteiro para ver en que estado se atopaban.
Segundo explicou a concelleira, quixeron coñecer como estaban "tratando de adecentalos de cara a esta data no caso de que algún camiño estivese pechado pola maleza".
Ademais, buscaban valorar todos os elementos patrimoniais e naturais que se poden achegar á cidadanía a través desta proposta, da que Acuña destaca que "tan ben saíu nas edicións anteriores".
Este ano, como novidade, as persoas que decidan facer a variante máis longa, de 25 quilómetros, poderán pasar pola fervenza do Río Neibó, unha zona de alto valor natural e paisaxístico da nosa vila, menos coñecida ca outras, e que desde o Concello queren poñer en valor.
A concelleira adiantou que se está a traballar para crear un itinerario de sendeirismo específico que pase por esta zona e que se poida sumar á ampla oferta de roteiros que xa temos.
Na ruta máis curta, a novidade será atravesar a Escola Naval. O roteiro entrará pola porta de Carlos I e pasará toda a explanada da Escola, para despois saír de novo pola porta de Portocelo.