Condenado a un ano e medio de prisión por vender substancias estupefacientes en Marín
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra resolveu mediante un acordo entre as partes un xuízo sinalado para este martes por un delito contra a saúde pública.
Inicialmente un home, con iniciais J. P. B., enfrontábase a unha petición de catro anos e medio de cárcere por presuntamente vender substancias estupefacientes.
Despois de recoñecer o acusado a autoría dos feitos chegouse a un acordo de conformidade e a Fiscalía rebaixou a súa petición de condena a un ano e medio de prisión. Debido á súa insolvencia tamén lle foi suspendida a pena de multa 1.233 euros.
O acusado recoñeceu que o día 8 de xullo de 2019 sobre as 16:30 horas foi interceptado por axentes da Garda Civil na estrada PO-315, en Marín, e que no rexistro do vehículo que conducía, un Peugot 306, tiña preparadas para a súa venda e distribución a terceiras persoas un total de 11 papelinas separadas en 4 bolsas azuis.
Contiñan un total de 1,79 gramos de cocaína, cunha riqueza dun 31,85 % (adulterada con fenacetina, lidocaína e ácido bórico) e valorada a venda en gramos en 74,44 euros, 4 bolsas brancas cun total de 3,582 gramos de cocaína, cunha riqueza dun 32,48 % (adulteradas con fenacetina, lidocaína e ácido bórico)) e valorada en 151,94 euros, e 3 bolsas verdes con 1,087 gramos de cocaína, cun 78,3 % de riqueza e valorada nun total de 184,81 euros.