Desarticulan a organización máis activa de Europa na introdución de cocaína a través dunha operación iniciada en Marín
Por Redacción
Oito persoas foron detidas nas últimas actuacións da operación CETIL, que se iniciaba a finais de 2019 no porto de Marín, cando o Equipo contra o Crime Organizado (ECO) de Galicia detectaba unha posible liña estable de introdución de cocaína a través das instalacións portuarias, despois de comprobar as diversas aprehensións de droga realizadas ao longo do ano.
Nesa primeira intervención confiscábase por parte de axentes da Garda Civil preto dunha tonelada de cocaína en varios envíos, todos eles vinculados á organización holandesa que foi desarticulada nas últimas horas. No primeiro dos casos, a droga atopábase nun contedor que transportaba froita.
A partir desas actuacións, o grupo delituoso comezou a buscar outras vías para introducir a cocaína. Desta forma, trasladaron as súas descargas no recinto portuario de Valencia onde introducían grandes remesas de estupefaciente como porta a Europa, sendo incautados pola Garda Civil, preto de 3.200 quilos desta substancia en distintos envíos marítimos realizados entre marzo e xuño deste ano.
A organización de ámbito internacional está acusada de introducir máis de 6.000 quilogramos de cocaína proceden de Sudamérica, por distintos puntos do continente europeo. Na última fase da operación, axentes da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil, xunto con axentes da Policía de Holanda e das axencias estadounidenses HSI (Homeland Security Investigations) e CBP (Customs and Border Protection), actuaron simultaneamente en distintos puntos de España e Holanda coordinados por EUROPOL.
Do últimos oito arrestados, todos de nacionalidade holandesa, algúns están considerados obxectivo de alto valor no ámbito policial europeo ( H.V. T.). Cinco das detencións realizáronse en España e tres en Holanda, cunha nova incautación de 480 quilos de cocaína no porto de Valencia, nun contedor que procedía de Sudamérica.
Aos detidos en España impútanselles delitos contra a saúde pública, tráfico de drogas e pertenza a Organización Criminal. As detencións en Holanda derívanse do cumprimento das Ordes Europeas de Investigación, ditadas polo Xulgado Central de Instrución número 5 da Audiencia Nacional.
O núcleo desta organización atopábase asentado en Países Baixos, pero os seus integrantes trasladábanse e reunían en España para deseñar a estratexia dos envíos procedentes de países de América do Sur. Varios dos integrantes contan con gran variedade de antecedentes por delitos graves como tráfico de armas, extorsións e mesmo homicidio. A organización atopábase jerarquizada cun aparello de loxística e apoio con persoal que contaba con adestramento militar e experiencia en misións de guerra, nestes casos encargábanse de facer contravigilancias nas reunións dos principais dirixentes.
Ademas, o persoal desta organización tamén tiña coñecementos amplos sobre telecomunicacións e desenvolvían as súas propias aplicacións de mensaxería encriptada. Estas apps eran utilizadas para comunicarse entre os integrantes do grupo e tamén para facelo cos distintos cárteles que lles achegaban os estupefacientes.
A Unidade Central Operativa da Garda Civil decidiu establecer unha liña de investigación conxunta cos seus homólogos holandeses, co fin de desarticular esta importante organización criminal. A coordinación dirixíase xudicialmente polo Xulgado Central de Instrución número 5 e pola Fiscalía Especial Antidroga, desde a Audiencia Nacional, en coordinación coas autoridades de Holanda.
A operación saldouse coa aprehensión de máis de 6.000 quilogramos de cocaína en distintos portos e, nos 9 rexistros levados a cabo, interviñéronse xoias de gran valor, uns 40.000 euros en efectivo, 20 terminais de telefonía encriptados e numerosa documentación que vincularía a esta organización co narcotráfico internacional a gran escala, segundo expón a Garda Civil.
Relacionadas:
-
Detidos nove mariñeiros dun barco que traía droga ás Rías Baixas e acabou afundido fronte á costa de Lugo
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Condenado a un ano e medio de prisión por vender substancias estupefacientes en Marín
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Interceptan 160 quilos de cocaína ocultos nun contedor procedente de Sudamérica no porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
Atopan 663 quilos de cocaína ocultos entre plátanos no porto de Marín
Por Alejandro Espiño |