Caldas ten as súas augas de abastecemento libres de cianobacterias
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, mantiña este martes unha reunión co profesor Fernando Cobo Grandín na que falaron das análises das augas de abastecemento de Caldas de Reis que está a realizar a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta iniciativa xurdía do convenio asinado o pasado verán entre o Concello e a Universidade para a investigación sobre a incidencia das cianobacterias que aparecen no encoro da Baxe no proceso de potabilización da auga que se leva a cabo na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Caldas.
As analíticas efectuadas ata o momento por parte da Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con da Universidade compostelá de mostras tomadas semanalmente polo equipo da estación entre o 14 de xullo e o 22 de setembro non identificaron a presenza de células de cianobacterias, tanto nas análises microscópicas como nas de cianotoxinas.
Trala reunión, o profesor Cobo manifestou a súa vontade de continuar colaborando co Concello de Caldas de Reis en cuestións como a eliminación de especies invasoras das canles fluviais.
O alcalde realizaba tamén unha visita á Estación de Tratamento de Auga Potable na que aproveitaba para lembrar que os datos da USC coinciden cos bos resultados arroxados tamén polas analíticas semanais realizadas polo laboratorio autorizado de Espina & Delfín por encargo do Concello, tanto á entrada como á saída da ETAP, así como coas mostras que realiza regularmente a Consellería de Sanidade.
"Isto é un aval incontestable sobre a calidade da auga que chega aos fogares de Caldas e pon fin a todas as dúbidas e comentarios vertidos torticeiramente sobre esta cuestión. Poñer en dúbida analíticas de laboratorios independentes e acreditados realizadas mediante procedementos profesionais e regulados é algo totalmente absurdo e queda demostrado que o Goberno municipal tiña razón cando defendía este ano e os anteriores que a auga de abastecemento de Caldas non estaba afectada pola microcistina ou por cianobacterias", manifestaba o rexedor.
Relacionadas:
-
Envían unha carta desde o BNG á conselleira de Infraestruturas para alertala de que o Umia "é un morto en vida"
Por Redacción |
-
Caldas retira as plantas exóticas invasoras na contorna do Umia
Por Redacción |
-
As análises descartan a presenza de cianobacterias na auga potable de Caldas
Por Redacción |
-
O BNG de Caldas acusa á Xunta de "temeraria e irresponsable" polo seu silencio ante o estado do encoro do Umia
Por Redacción |
-
A USC estudará a incidencia das cianobacterias do encoro no proceso de potabilización da auga de Caldas
Por Redacción |