Pontevedra, ás portas do confinamento segundo as recomendacións do ministro Illa
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra podería estar ás portas do confinamento se se aplicasen no municipio as recomendacións que o venres deu o ministro de Sanidade, Salvador Illa, para a comunidade de Madrid, onde aconsellou confinar á poboación en todos aqueles municipios con máis con máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes. En Pontevedra, este domingo a taxa situouse nos 452,68 por 100.000 habitantes.
Pontevedra ten, segundo os datos do padrón municipal facilitados polo Concello en febreiro, 84.827 persoas censadas e este domingo sumaba 384 casos activos de coronavirus, segundo as cifras facilitadas pola Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ao goberno local. A cifra implica unha taxa de 452,68, moi próxima a eses 500 que poderían conlevar novas restricións.
Esa proximidade aos 500, ademais, era máis acusada o sábado. Tras días de aumento constante, este domingo os contaxios deron un respiro á cidade do Lérez con 20 casos activos menos, pero se a tendencia das últimas semanas confírmase durante os próximos días, en cuestión de poucas xornadas podería alcanzar esa taxa límite de medio milleiro.
Así, este sábado sumaba 404 casos activos de coronavirus, que implican unha taxa de 476,26, e xa o venres había cifras case idénticas ás deste domingo. En concreto, había 382 pontevedreses con resultado positivo e, en só unha xornada, sumáronse 22 novos casos activos.
A taxa de incidencia do venres 25 xa era de 450,32 por cada 100.000 habitantes, máis lonxe dese límite fixado por Salvador Illa como recomendación da Comunidad de Madrid, pero unha cifra xa preocupante.
O xoves 24 o municipio tiña, segundo os datos oficiais, 366 casos activos, 16 menos que o venres, e unha taxa de 431,46. O día anterior, mércores 23, a cifra era a mesma.
O municipio supera a taxa de incidencia de 400 por cada 100.000 habitantes desde o martes 22 de setembro, cando os positivos eran 348, isto é, unha taxa de 410. O dia anterior, o luns 21, os casos activos situábanse en 338 e a taxa quedaba en 398,46.
A decisión do confinamento debe adoptala o Goberno da Xunta de Galicia e, para iso, débense ter en conta cuestiones epidemiolóxicas máis complexas e non só o número de contaxios, senón cifras como a taxa acumulada nas xornadas anteriores pero, como dato, resulta destacado que no mes de xullo acordouse o confinamento de varios municipios da comarca da Mariña cunha taxa de contaxios de 154 pacientes con Covid-19 por cada 100.000 habitantes e en agosto aplicáronse restricións na área sanitaria de Cee e A Coruña cunha taxa de 33,8.
Pontevedra pasou a ser 'zona de especial restrición' pola Covid-19 o pasado 10 de setembro e, no Diario Oficial de Galicia publicado o día anterior, a Xunta sinalaba que se apreciaba no municipio unha transmisión "importante". Aquel día, primeiro en que se tiveron datos detallados do municipio, había 188 casos activos na cidade do Lérez e desde entón non pararon de crecer ata tal punto que en dúas semanas duplicáronse.
Naquel momento, a Consellería de Sanidade xa apreciaba que a taxa de incidencia tanto a 3 como a 7 días "aumenta máis do dobre". "O intervalo de confianza superior do número reprodutivo instantáneo supera o 1’5, o que indica que a transmisión pode ser importante", sinalaba o documento público, polo que vía necesaria a adopción, con urxencia, de medidas de prevención específicas no concello "para facer fronte aos brotes e ás cadeas de transmisións existentes e garantir a súa contención".
De acordo co informe sobre a situación epidemiolóxica na comarca de Pontevedra elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 9 de setembro, a incidencia na comarca leva en ascenso desde o 22 de agosto, e creceu máis rapidamente a partir de 30 de agosto. A maior parte dos casos producíronse no concello de Pontevedra e aquel día, hai xa dúas semanas e media, o brote mantiña indicadores que o situaban como de risco alto/medio.
O ministro Illa sinalou o venres, en relación con Madrid, que "a primeira recomendación é que se estendan non só ás áreas básicas de saúde que presentan incidencias acumuladas superiores a 1.000 casos por 100.000 habitantes, senón que se estendan a toda a cidade de Madrid e a todos aqueles municipios que presentan incidencias por encima dos 500 casos por cada 100.000 habitantes". Todo, segundo indicou, para "actuar con determinación e tomar o control da pandemia na Comunidad de Madrid co obxectivo de dobregar a curva de incidencia de casos que se están producindo nesta rexión".