Que supón para Pontevedra ser zona de especial restrición pola COVID-19?
Por Alejandro Espiño
Desde que a Xunta de Galicia decretase á cidade de Pontevedra como zona de especial protección ante o alarmante incremento dos casos de COVID-19, moitos se preguntan que significa iso. A resposta a estes interrogantes resolveuna o Diario Oficial de Galicia.
O informe epidemiolóxico de Pontevedra considera necesario adoptar con urxencia medidas de protección específicas para facer fronte aos brotes e ás cadeas de transmisión existentes, garantindo a súa contención e limitando os factores de maior risco.
A principal, sen dúbida, será limitar a un grupo máximo de dez persoas calquera actividade ou evento de carácter social ou familiar, tanto en espazos de uso público como lugares privados, tendo en cuenta o risco asociado a estas reunións e a idade da poboación á que está a afectar o virus de maneira predominante neste momento.
Ademais, prohíbense todo tipo de festas, verbenas e eventos populares e recoméndase aos maiores de 75 anos, as persoas vulnerables á COVID-19 ou con problemas respiratorios que eviten saír en horas de gran afluencia ou que acudan a establecementos abertos ao público.
As restricións de aforo son outra das grandes medidas que aplican. Así, os establecementos comerciais non poderán exceder o 50% da súa capacidade. Este mesmo límite imponse para feiras e mercados, academias, autoescolas ou centros de ensino non regrado, aínda que para estas actividades formativas engádese un máximo de dez persoas por grupo.
Bares e restaurantes non poderán ocupar máis do 50% do seu aforo no seu interior, non poderán servir en barra e as súas terrazas estarán limitadas ao 75% da súa capacidade. Bibliotecas, museos, salas de exposicións, teatros ou cinemas -nestes dous últimos casos con butacas preasignadas e un máximo de 60 asistentes- poderán manter a súa actividade ao 50% da súa capacidade.
A práctica de actividade física e deportiva ao aire libre poderase realizar, sen contacto físico e ata un máximo de dez persoas de maneira simultánea; mentres que nos centros deportivos e ximnasios non se poderá superar o 50% da capacidade máxima e tamén en grupos de ata dez persoas. Ademais, será obrigatoria a máscara.
Os lugares de culto, pola súa banda, terán o aforo limitado ao 50% e os velorios estarán restrinxidos a un máximo de 25 persoas ao aire libre e dez en espazos pechados. As vodas quedan limitadas a 100 asistentes en áreas abertas ou 50 baixo teito e congresos ou conferencias poderán celebrarse cun aforo máximo de 60 persoas.
Todas estas medidas, segundo recolle a orde asinada polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, serán avaliadas de maneira continua e, en todo caso, nun período non superior a unha semana, para adecualas á evolución da situación epidemiolóxica.
Relacionadas:
-
Sanidade establece tamén medidas restritivas en Poio e Vilaboa
Por Redacción |
-
Institutos e centros de FP de Pontevedra solicitan a Educación aplazar o inicio do curso
Por Alejandro Espiño |
-
As restricións en Pontevedra pola COVID-19 non afectarán o deporte "porque as instalacións xa estaban pechadas"
Por Redacción |
-
O BNG denuncia o "escurantismo" da Xunta e pide a máxima transparencia por parte da xerencia da Área Sanitaria
Por Redacción |
-
Pontevedra supera os 400 casos activos por COVID-19 tras detectar 28 novos contaxios
Por Alejandro Espiño |
-
Once militares da Brilat destinados en Figueirido dan positivo por COVID-19
Por Alejandro Espiño |
-
Sanidade aprecia unha transmisión "importante" da COVID-19 por reunións entre amigos e familiares
Por Alejandro Espiño |
-
Lores fai un chamamento á calma e responsabilidade na nova situación de alerta sanitaria do concello
Por Redacción |
-
Pontevedra pasa a ser 'zona de especial restrición' pola COVID-19 un día antes da volta ao cole
Por Oskar Viéitez |