Cuntis abre prazo de matrícula nas Escolas Municipais de Música e Idiomas
Por Redacción
Este martes, o Concello de Cuntis abriu o prazo de matrícula para o curso 2020-2021 nas Escolas Municipais de Música e de Idiomas. A formalización das inscricións poderá realizarse ata o día 29 de setembro.
As solicitudes deberán presentarse persoalmente no Rexistro do Concello de Cuntis ou a través da Sede electrónica: https://concellodecuntis.sedelectronica.gal. Os impresos pódense recoller en horario de mañá, de 08.30 a 14.30 horas, na OMIX, descargalos da páxina web do Concello ou solicitalos por correo a través de omix@concellodecuntis.es.
A Escola Municipal de Música ofrece máis de 50 prazas entre ensinanzas instrumentais e de linguaxe musical, así como música en movemento en primeiro, segundo e terceiro nivel formativo. Entre as modalidades instrumentais que se imparten están: frauta traveseira, clarinete, trompa, trompeta, trombóns, saxofón, bombardino, tuba, violín, percusión, piano e guitarra.
Na Escola Municipal de Idiomas poderán matricularse nenos desde os 3 anos e público adulto. O curso iniciarase o 1 de outubro e rematará o 14 de xuño. Os idiomas que se impartirán son inglés e francés en distintos niveis, segundo a demanda. As prazas son limitadas, polo que terá preferencia o alumnado matriculado no curso pasado e as persoas empadroadas en Cuntis. O prezo do curso é de 10 euros de matrícula e 15 euros ao mes.
Ante a actual situación sanitaria, tanto a Escola de Idiomas como a de Música desenvolverán a súa actividade baixo un estrito protocolo anti-covid, que será entregado por escrito ás persoas matriculadas. As actividades de ambas escolas levaranse a cabo no Centro Sociocultural Xosé Raído Patelas.
Entre as pautas establecidas no protocolo indícase que antes de entrar as persoas usuarias deberán hixienizar as mans cunha solución hidroalcólica que estará á súa disposición. É obrigatorio o uso de máscara en todo momento. O acceso ó centro queda prohibido ás persoas acompañantes alleas á Escola, de tal modo que será o persoal docente o encargado de levar aos nenos dende a entrada ata a aula e viceversa. Deixarase un tempo mínimo de 10 minutos entre unha clase e outra para a súa limpeza e ventilación. Os Servizos Municipais do Concello de Cuntis contarán con persoal de limpeza a diario.