Garanten a continuidade da Escola de Música de Cuntis para o vindeiro curso
Por Redacción
A Escola de Música de Cuntis seguirá mantendo as aulas no Centro Sociocultural Xosé Raído Patelas e a matrícula para a mesma estará aberta a partir do mes de setembro.
Así o confirmou este xoves o goberno municipal, a través da súa Concellaría de Cultura, garantindo a súa continuidade para o vindeiro curso 2015-2016.
Ademais das aulas de instrumento e teoría musical, unha das finalidades principais que terá a Escola de Música será a creación dunha Banda de Música no concello de Cuntis, "xa que somos o único concello dos arredores que non contamos cunha banda propia".
Trátase dunha actividade totalmente gratuíta, complementaria ás aulas da escola e que ademais da creación nun futuro dunha banda municipal de música busca fomentar o traballo en equipo e a colaboración entre as rapazas e rapaces.
Así mesmo, dende o Concello aseguran que "estamos estudando" usos alternativos para o edificio da Escola de Portela, co fin de mantela en uso e que nun futuro sirva de novo de sede para a Escola de Música, "finalidade para a cal foi restaurado e adecuado".