Reforzan a seguridade viaria en San Salvador de Poio
Por Redacción
O Concello de Poio avanza na execución dun plan integral para reforzar a seguridade viaria en diferentes rúas e espazos do municipio. A última actuación neste eido desenvolveuse hai uns días e serviu para dotar de sinalización vertical e horizontal á rúa Peirao da Barca, na parroquia de San Salvador.
Segundo a información facilitada pola concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, o Concello procedeu a restrinxir o acceso de tráfico rodado á zona axardinada do parque de Ankar para optimizar a seguridade da zona, toda vez que se trata dunha área onde hai un parque infantil e áreas recreativas e deportivas.
Esta actuación inclúe o pintado para delimitar e ordenar de xeito axeitado os aparcamentos. O que se busca, entre outras cousas, é garantir a visibilidade para os vehículos que acceden ou saen de vivendas próximas, algo especialmente necesario nas inmediacións de interseccións.
Ademais, mellorouse a sinalización para indicar a circulación en sentido único obrigatorio na glorieta existente na entrada da rúa Peirao.
No que vai de verán xa se actuou previamente en lugares como a Rúa da Igrexa, na parroquia de Raxó, ou na Travesía das Cachadas, en Campelo (San Xoán). Trátase de actuacións que se están levando a cabo en todas as parroquias como resposta a peticións realizadas pola veciñanza, tendo en conta, ademais, os pertinentes informes previos favorables elaborados pola Policía Local.