Lores fai fronte común con Almeida, "Kichi" e outros sete alcaldes contra a "incautación" de remanentes prevista por Facenda
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participou este venres nun encontro de alcaldes contra do criterio de repartición dos 5.000 millóns de euros que o Ministerio Facenda puxo sobre a mesa para aqueles concellos que lles cedan os seus aforros.
O rexedor do BNG interveu nunha reunión telemática, convocado polo primeiro edil de Zaragoza, o popular Jorge Azcón, na que tamén participaron o alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida (PP), o rexedor de Cádiz, José María González, Kichi (Adelante Cádiz- Podemos), o alcalde de Bilbao, José Mari Aburto (PNV); o de Granada, Luís Salvador (Ciudadanos); o de Lleida, Miquel Pueyo (Esquerra Republicana); o de Reus, Carlos Pellicer (Junts per Reus); o de Murcia, José Francisco Ballesta (PP); o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández, o de Santa Cruz de Tenerife, José Manuel Bermúdez (Coalición Canaria).
Desculpou a súa ausencia neste encontro pero forma parte desta fronte común o alcalde de Valencia, Joan Ribó (Compromís).
É dicir, son alcaldes de practicamente todos os partidos políticos excepto do PSOE, formación que aprobou en soidade a proposta que o goberno de Pedro Sánchez fixo á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O voto de calidade do presidente da FEMP e alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, rompeu o empate e o consenso que caracterizou a esta organización que representa aos concellos de España.
Segundo explicou Fernández Lores en rolda de prensa, na reunión de hoxe os alcaldes expresaron o seu "rexeitamento" ao real decreto de Facenda derivado do acordo da FEMP "que consideramos inxusto, discriminatorio e que viola a autonomía municipal".
Os alcaldes piden "que haxa un financiamento directo independentemente da situación financeira dos concellos" para atender á situación derivada da Covid-19. Fernández Lores advertiu que coa proposta da FEMP, "todos os concellos saímos prexudicados porque, dalgunha maneira, están a facer unha incautación dos remanentes municipais".
"Non é un acordo de repartición de 5.000 millóns, é un acordo de incautación de 14.000 millóns", sentenciou Lores.
Reclaman tamén estes alcaldes "respecto á autonomía municipal" á hora de definir en que se gasta ese diñeiro. "Os concellos somos maiores de idade e sabemos que é o que temos que facer", dixo.
No caso daqueles concellos que teñan superávit e conten con remanentes de tesourería, este grupo de alcaldes demanda que se poidan utilizar "sen limitacións". Para iso, van solicitar "que se levante a regra de gasto, déficit e endebedamento" contempladas na Lei de Estabilidade financeira, tamén coñecida como Lei Montoro, "polo menos durante o exercicio 2021".
Ademais queren "definir o acceso dos concellos aos fondos europeos", eses 140.000 millóns cos que contará España procedentes do fondo de recuperación europeo.
No caso de Pontevedra son uns 19 millóns de euros a cantidade que atesoura como liquidez "que non podemos utilizar"
Este posicionamento serán trasladado ao Ministerio de Facenda e farase unha invitación aos alcaldes de todas as capitais de provincia e dos municipios de máis de 100.000 habitantes "que queiran sumarse".
Agora estes rexedores quedaron emprazados para unha nova reunión en setembro para facer un seguimento da súa iniciativa.
O primeiro edil pontevedrés insistiu en que os concellos "estivemos a respectar esa Lei Montoro que nos imposibilitou facer investimentos e dar servizos aos cidadáns" e unha vez que os goberno locais acumularon aforros "agora, de súpeto, incáutanolos o Estado que durante todos estes anos aumentou dunha maneira exponencial a débeda". "Cando temos un peto non a podemos utilizar nunha situación de emerxencia", lamentou o rexedor nacionalista.
No caso de Pontevedra son uns 19 millóns de euros a cantidade que atesoura como liquidez "que non podemos utilizar". Lores antes de asistir a esta reunión comunicoullo ao portavoz local do PSOE, socio no Goberno municipal "e non puxo ningunha pega".
Finalmente, Fernández Lores lembrou que o real-decreto debe pasar polo Congreso dos Deputados e é bastante improbable que teña apoios suficientes.
Relacionadas:
-
Os alcaldes reclaman negociar co Ministerio de Facenda o reparto de fondos pola Covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
A 'liga de alcaldes' contra a "incautación" de Facenda esixe ao Goberno liquidez sen condicións
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP quere que o pleno da Deputación reprobe a Abel Caballero
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP levará aos plenos unha moción para que os concellos poidan dispoñer dos remanentes de tesourería
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez: "Los socialistas de nuestra ciudad deben elegir: o Pontevedra o su partido"
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta pide cambiar a Lei Montoro para que os concellos poidan gastar os seus remanentes
Por Oskar Viéitez |
-
Ofensiva do PP contra a "confiscación" dos remanentes dos concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Cubela alerta da "extrema gravidade" que supón para os municipios a "incautación" dos seus aforros por parte do Goberno
Por Redacción |