30 graos de temperatura marcarán a fin de semana do inicio das Festas da Peregrina
Por Redacción
Este venres, Galicia queda nunha situación intermedia entre as altas presións situadas sobre Azores e unha baixa relativa sobre o sur peninsular, segundo informan desde o servizo de Meteogalicia. Os ceos manteranse despexados coa posibilidade de néboas no litoral. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente para establecerse en 18 graos mentres que as máximas experimentan un lixeiro descenso alcanzando os 28 graos. O vento soprará frouxo de compoñente norte, con maior intensidade durante a tarde na zona norte das Rías Baixas.
Durante este sábado 8, inicio das Festas da Peregrina, regresará a influencia anticiclónica con aire frío en altura. As Rías Baixas presentarán ceos pouco nubrados en xeral, tamén con posibilidade de néboa no litoral. As temperaturas moveranse entre os 18 e os 30 graos, con ventos que seguirán soprando frouxos de compoñente norte.
Apenas haberá cambios significativos para a xornada do domingo 9. Os ceos alternarán nubes e claros con temperaturas que seguirán situándose entre os 18 e os 30 graos. O vento soprará do nordeste, máis intenso no norte das Rías Baixas.
Durante a próxima semana, a masa de aire cálido sobre Galicia irá retirándose. As temperaturas comezarán a descender a medida que avancen as xornadas, coa posibilidade de que se rexistren precipitacións a partir do mércores 12.