Moraña contratará 16 mozos durante un ano a través do Obradoiro de Emprego Xóvenes
Por Redacción
A Xunta de Galicia vén de conceder ao Concello de Moraña o Obradoiro de Emprego Xóvenes, que permitirá a contratación de de 16 mozos desempregados para a realización de diversas obras.
Esta iniciativa laboral, presentada de xeito conxunto co municipio de Valga, conta cun orzamento de 430.000 euros, dos que 369.492 van ser financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
As contratacións realizaranse entre mozos desempregados incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil durante 12 meses, aos que se lles ofrecerá unha formación de 1.920 horas, teórica e práctica, co obxectivo de que melloren a súa empregabilidade.
Os participantes distribuiranse ao 50% nos módulos de Forestal e Albanelería e realizarán melloras en equipamentos e servizos públicos do municipio durante a súa formación, que tamén incluirá módulos de prevención de riscos laborais, alfabetización dixital, sensibilidade ambiental e igualdade.
Para este Obradoiro de Emprego, as obras propostas polo Concello de Moraña permitirán redistribuír os espazos da Casa da Cultura, substituír a cuberta do local social e do Arquivo Municipal do Buelo e darlle continuidade ás sendas fluviais de Castañosa e Gundeiro polas aldeas de Sorrego e Batán e do Rego Cornide polos lugares de Agriños, A Pallota e Ponte Cornide.
Dende o Concello celébrase a posta en marcha desta acción para mellorar a empregabilidade da xente moza, xa que supón a sétima iniciativa laboral con este formato obtida polo actual Goberno local. Tamén se agarda que estas actuacións en materia de emprego poidan estenderse, xa que Moraña e Valga teñen pendente de resolución, por parte da Xunta, da quinta edición de Ulla-Umia.
"Seguimos apostando incondicionalmente polo emprego e a formación, que sempre foi unha das nosas grandes prioridades e que, na actual situación económica, só se sitúa por debaixo da preservación da saúde pola crise sanitaria. Imos superar os 2,3 millóns de euros nesta materia nos últimos anos, xa que levamos cinco obradoiros, temos un na súa recta final máis este para mozos agora concedido e tamén estamos no Programa Integrado de Emprego da bisbarra con máis dun cento de persoas, polo que a nosa implicación en que a xente atope un traballo é máxima", apunta a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro.
Relacionadas:
-
Moraña logra o seu sétimo obradoiro de emprego e formará 20 persoas en Carpintaría de Madeira e Forestal
Por Redacción |
-
Moraña despide a quinta edición do Obradoiro de Emprego Xóvenes
Por Redacción |
-
Conclúe o taller de albanelaría de Moraña co remate das obras na piscina de Mirallos e no local cultural de Amil
Por Redacción |
-
Moraña comeza un plan de obras no rural coa renovación do firme da aldea de Fontenla
Por Redacción |
-
Arranca o plan de dinamización 'Moraña Actívase' para impulsar a actividade do comercio e a hostalaría
Por Redacción |
-
A Xunta contratará a 259 pontevedreses perceptores da Risga
Por Oskar Viéitez |
-
Os concellos reciben a subvención da Xunta para contratar persoal dedicado á prevención de incendios
Por Redacción |