Ultimato da Lama a Urbaser para que actúe ante o "desborde" do punto limpo
Por Redacción
O lixo que se acumula no punto limpo da Lama desborda xa a capacidade destas instalacións. Este feito provoca, segundo o goberno municipal, "graves problemas" de operatividade e de servizo. Por iso, deron un ultimato de 24 horas á empresa Urbaser.
Se antes dese prazo a compañía non retira os residuos sólidos urbanos que se acumulan no punto limpo, o Concello emprenderá as accións que considere oportunas para defender os intereses xerais dos veciños da Lama.
O alcalde, Jorge Canda, recorda que Urbaser debe cumprir coas súas obrigas ata o último día de contrato e actuar para aliviar o estado do punto limpo, que está ao borde do colapso.
Os contedores están desbordados e acumúlase lixo nas zonas comúns da instalación, denuncia Canda, que comprende que nos últimos meses o uso do punto limpo por parte dos veciños desbordou todas as previsións.
Isto é debido a que o confinamento animou a moitas persoas a facer labores de mantemento, limpeza, redecoración e incluso algunha que outra reforma caseira que provocou un uso intensivo do servizo de recollida de voluminosos.
"Tamén é certo que a empresa ten a obriga de xestionar axeitadamente o punto limpo, evitar a súa saturación e incrementar, se fora necesario, a frecuencia coa que habitualmente vén trasladando o lixo que alí se acumula", apunta o rexedor.
Aínda que Urbaser non resultou gañadora do concurso que acaba de facer o Concello para xestionar o punto limpo, "non é normal que non cumpra coas súas obrigas contratuais", sinala o alcalde, que considera que este comportamento "sumamente grave" terá consecuencias "se é que non o emendan axeitadamente".
Relacionadas:
-
Canda cuestiona as consecuencias na Lama de poñer ao dispor do Goberno os remanentes de tesourería
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade denuncia os "reiterados incumprimentos" na recollida de lixo
Por Redacción |
-
O Concello da Lama converterá en vivendas sociais as antigas casas dos mestres
Por Redacción |
-
Urbaser retira os residuos que desbordaban o punto limpo da Lama
Por Redacción |
-
A Deputación reactiva as obras nos ecocentros de xestión de residuos para a súa estrea no verán
Por Redacción |
-
O parque empresarial de Racelo xa ten beirarrúas en todo o polígono
Por Redacción |