Un xulgado de Pontevedra converte a 38 ex bolseiros da Deputación en persoal laboral
Por Alejandro Espiño
O xulgado do social número 4 de Pontevedra determinou que a relación que tiñan 38 antigos bolseiros do plan de prácticas da Deputación de Pontevedra era de natureza laboral, polo que deben ser considerados como traballadores do organismo provincial.
A xustiza estima así a demanda interposta pola Tesourería Xeral da Seguridade Social de Pontevedra contra a propia Deputación e declara probada a relación laboral.
A pesar de que a titular deste xulgado pontevedrés recoñece que "non é fácil" analizar o asunto de forma conxunta pola "heteroxeneidade" dos casos, o fallo conclúe que a pesar de existir catro tipos de bolsas "ben diversas" tratábanse relacións laborais "encubertas".
Na sentenza, a xuíza esgrime que estes bolseiros, entre outras cuestións, cumprían un horario, gardaban unha disciplina laboral, 'fichaban' ao entrar e saír de traballar, non recibían formación e, nalgúns casos, traballaban sós e con autonomía ou tiñan móbiles de empresa.
"O feito de que a través destas bolsas unha persoa mellore unha situación de desemprego na que pode atoparse ou que adquira experiencia laboral non é suficiente para manter a presenza dunha bolsa debido a que a finalidade perseguida non é a formación", engade.
O feito de empregar a bolseiros en substitución de hipotéticos traballadores, segundo a maxistrada, supón a adquisición dos "froitos" de tales servizos por parte da propia Deputación "e, haxa ou non ánimo de lucro, de feito estase lucrando".
Os 38 casos repártense entre a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, o servizo de patrimonio documental e bibliográfico, os mestres composteiros do Plan Revitaliza e as bolsas de práctica laboral para a Deputación e os concellos da provincia.
Esta sentenza, en todo caso, non é firme e contra ela cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Por mor desta sentenza, o sindicato Comisións Obreiras celebra que a xustiza puxese fin á "fraude" cometida cos bolseiros, unha práctica que ao seu xuízo "institucionaliza" a precariedade laboral no organismo provincial.
Desde CC.OO lembran que advertiron desta "situación irregular" antes de que a Inspección de Traballo denunciase o caso, asegurando que estes bolseiros facían o mesmo traballo que o persoal laboral "pero sen ningún dereito".
A sentenza, segundo o sindicato, é unha "labazada na cara" ao goberno provincial que, engaden, podería ser maior, xa que cifran nunhas 200 persoas as afectadas por estas contratacións "pero moitos non denunciaron por medo a represalias en futuros contratos".
CC.OO responsabiliza deste "monumento á precariedade" ao deputado responsable de Persoal, Carlos López Font, e pide que dimita ou sexa cesado.
Relacionadas:
-
A Deputación esixe ao PP que pida perdón tras a sentenza que ratifica a relación laboral de 38 bolseiros coa administración provincial
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras inicia unha campaña contra a represión sindical e a precariedade laboral da Deputación
Por Manu Otero |
-
A Deputación recorrerá a sentenza que recoñece como empregados a 38 ex bolseiros
Por Oskar Viéitez |
-
O grupo provincial do Partido Popular arremete contra Carmela Silva polo caso dos bolseiros
Por Redacción |
-
A Deputación rexeita entregar ao PP a acta da inspección laboral aos bolseiros por confidencialidade
Por Oskar Viéitez |
-
CCOO denuncia irregularidades na contratación de bolseiros na Deputación e Carmela Silva négao
Por Diego Espiño |
-
Máis de 140 novos bolseiros chegan aos concellos e á Deputación
Por Redacción |