A restauración dos restos da Casa-Torre dos Montenegro rematará a vindeira semana
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, acompañados polo arqueólogo municipal, Xoán Carlos Castro, realizaron este xoves unha visita aos traballos de restauración dos restos da Casa-Torre dos Montenegro, cuxo remate está previsto para a vindeira semana.
As principais intervencións son a consolidación da muralla medieval nos puntos afectados pola caída de pedras e o reforzo da cimentación da estrutura, que xa están rematadas, e a reconstrución do esquinal caído, que se está realizando neste momento, e na que se incorpora un sistema de drenaxe interna.
A incorporación desta drenaxe interna é esencial para evitar novos desprendementos posto que o muro formaba parte dunha vivenda que fora deseñada con cuberta e non para soportar a acción de reiteradas chuvias, que foron as que provocaron o último derrubamento.
De cara á vindeira semana, procederase á renovación do tapado en planta con xeotéxtil e grava e á mellora e limpeza dos enfuscados dos tramos da muralla reconstruídos con bloques de cemento (tapiais). Tamén se está procedendo á documentación arqueolóxica de todo o proceso e dos estratos e estruturas arqueolóxicas afectados, así como do inventario do material arqueolóxico moble rexistrado.
Estes traballos de restauración están sendo realizados por tres empresas baixo a coordinación do arqueólogo municipal: BIC Materiales y Conservación que se ocupa das tarefas de restauración; APC Arqueoloxía Patrimonio Cultural que realiza o control arqueolóxico dos traballos; e Actividades de Construcción, Edificación y Viales que realiza os traballos auxiliares en obra e execución da solución de cimentación.
Relacionadas:
-
Limpan os espazos arqueolóxicos de Valentín García Escudero e Santa María
Por Redacción |
-
Acometen traballos para consolidar os restos arqueolóxicos de Valentín García Escudero
Por Redacción |
-
A restauración da Torre dos Montenegro incluirá a consolidación dos restos da muralla
Por Alejandro Espiño |
-
Un equipo multidisciplinar rehabilitará en primavera o xacemento de Santa María
Por Alejandro Espiño |