O movemento Antitouradas reúne apoios de 51 colectivos para manifestarse o sábado en Pontevedra
Por Natalia Puga
51 colectivos sociais, culturais, sociais, ecoloxistas e animalistas sumáronse ao movemento organizado por 'Touradas fóra de Pontevedra' e que, por quinto ano consecutivo, organizará unha manifestación 'Antitouradas' polas rúas de Pontevedra.
A manifestación está convocada para as 20.00 horas do próximo sábado 10 de agosto, segundo sábado da feira da Peregrina e día central das festas locais. Sairá da praza da Peregrina e percorrerá distintas rúas da cidade amenizada polo grupo 'Os Chichisos'. Os organizadores non teñen ningunha previsión de asistentes porque aseguran que, para eles, o número non é o importante, senón que "o que importa é o cambio de vontades" que implica que 51 colectivos o avalen.
Varios integrantes de 'Touradas fóra de Pontevedra' presentaron a protesta este luns e aplaudiron que o movemento sume apoios ano tras ano, pois iso significa que "cada vez hai máis xente que se postula publicamente contra a tortura animal" e contra a celebración de corridas de touros, un evento do que aseguran que "non é ético nin forma parte da cultura da democracia e dos dereitos humanos".
"Ningunha suposta tradición xustifica a continuidade dun espectáculo baseado na tortura", inciden. E piden a implicación das distintas administracións contra as corridas de touros. Ao Goberno estatal reclámanlle unha lexislación abolicionista contra estes eventos. Á Xunta de Galicia, que se postule nas normas autonómicas en defensa dos animais. Á Deputación Provincial de Pontevedra, que deixe de financiar "directa e indirectamente" as celebracións taurinas de Pontevedra. Ao Concello capitalino, que se declare 'Cidade Antitouradas e Amiga dos Animais'.
Piden que Pontevedra sexa declarada 'Cidade Antitouradas e Amiga dos Animais'
Estas peticións ás distintas administracións formalizaranse o próximo venres 9 de agosto ás 12.00 horas. Acudirán á Subdelegación do Goberno de Pontevedra para entregar por rexistro escritos dirixidos ao Goberno, a Xunta, a Deputación e o Concello.
'Touradas fóra de Pontevedra' apoia os actos organizados para ese mesmo sábado polo colectivo 'Igualdade Animal'. A cita central da xornada está fixada para as 11.30 horas e consiste nunha cadea humana que rodeará a Praza de Touros. Recoméndase aos asistentes que vaian vestidos con roupa negra ou escura para dar unha imaxe unificada á protesta.
A protesta rematará cun minuto de silencio coas mans alzadas tinguidas de sangue artificial en recordo das "miles de vítimas que se cobran cada ano os festexos taurinos". Ademais de convocar os pontevedreses, os organizadores están a planificar o uso de vehículos particulares que se despracen dende outras cidades.
Ao termo da cadea humana, todos os asistentes se unirán a un pícnic vegano que se celebrará no paseo urbano do río Gafos, nunha zona próxima á estación de autobuses.