Unha cadea humana 'anti touradas' rodeará a Praza de Touros o 10 de agosto, sábado central da Peregrina
Por Natalia Puga
O colectivo 'Igualdad Animal' e a plataforma 'Touradas fóra de Pontevedra' organizaron unha xornada enteira de actos de protesta para o próximo 10 de agosto, segundo sábado da feira da Peregrina e día central das festas locais. Unha cadea humana rodará a Praza de Touros, organizarán un pícnic colectivo e rematarán cunha manifestación antitaurina.
As protestas comezarán ás 11.30 horas cunha cadea humana "polo fin da tauromaquia" que rodeará a praza. O colectivo 'Igualdade Animal' difúndea nun evento da rede social Facebook chamando os cidadáns a "alzar ben alto as nosas voces polos grandes esquecidos: os animais".
O acto está avalado por distintas organizacións e os seus promotores piden que se confirme asistencia antes do xoves 8 de agosto para que teñan unha previsión de participantes que lle permitan xestionar o material necesario. Ademais, recoméndase aos asistentes que vaian vestidos con roupa negra ou escura para dar unha imaxe unificada á protesta.
A protesta rematará cun minuto de silencio coas mans alzadas tinguidas de sangue artificial en recordo das "miles de vítimas que se cobran cada ano os festexos taurinos". Ademais de convocar os pontevedreses, os organizadores están a planificar o uso de vehículos particulares que se despracen dende outras cidades.
Ao termo da cadea humana, todos os asistentes se unirán a un pícnic vegano que se celebrará no paseo urbano do río Gafos, nunha zona próxima á estación de autobuses.
Xa pola tarde, estase a planificar unha manifestación antitaurina que estará convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra', pero que aínda ten pendentes de confirmación o horario e o percorrido. Comunicarán todos detalles con antelación na Subdelegación do Goberno de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Concello, Deputación, Xunta e Goberno central: os Antitouradas teñen demandas para todos
Por Natalia Puga |
-
O movemento Antitouradas reúne apoios de 51 colectivos para manifestarse o sábado en Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Operativo especial de tráfico polas celebracións das touradas da fin de semana
Por Redacción |