Concello, Deputación, Xunta e Goberno central: os Antitouradas teñen demandas para todos
Por Natalia Puga
A plataforma 'Touradas fóra de Pontevedra' segue solicitando apoios para a manifestación 'Antitouradas' que organiza este sábado 10 de agosto polas rúas de Pontevedra. Hai cinco días contaban co respaldo de 51 colectivos sociais, culturais, sociais, ecoloxistas e animalistas e este venres xa se sumaron ao seu movemento 60.
Mentres o respaldo social "segue medrando" os integrantes deste movemento queren conseguir incidencia política e institucional e elevaron as súas demandas a ata catro administracións públicas diferentes: Concello de Pontevedra, Deputacion Provincial, Xunta de Galicia e Gobiernon del Estado.
Este venres acudiron á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para entregar por rexistro escritos dirixidos a estas catro administracións. A cada unha realízanlle unha demanda diferente, pero todos teñen en común pedir un maior respecto ao mundo animal e loitar pola abolición das touradas.
Un dos integrantes da organización, Anxo Torres, explicou que no escrito dirixido ao Concello de Pontevedra lle piden que "dean o paso" de declarar a capital 'Cidade Antitouradas e Amiga dos Animais' e no de Deputación que "que corten as axudas abertas ou encubertas ás touradas de Pontevedra, que sabemos que as dan".
De la Xunta de Galicia o que demandan é "que modifiquen a lei de protección animal para eliminar a excepción que permite que sigan a celebrarse touradas" e do Goberno do Estado "que cesen calquera tipo de axudas ás touradas e a ganadaría".
Tras a entrega dos citados escritos, realizaron un acto simbólico despregando ante a Subdelegación do Goberno a pancarta 'A tortura non é arte nin cultura", e anunciaron que a manifestación deste sábado está prevista para ás 20.00 horas na praza da Peregrina.
Anxo Torres confirmou que 'Touradas fóra de Pontevedra' apoia os actos organizados para ese mesmo sábado polo colectivo 'Igualdade Animal'. A cita central da xornada está fixada para as 11.30 horas e consiste nunha cadea humana que rodeará a Praza de Touros. A protesta rematará cun minuto de silencio coas mans alzadas tinguidas de sangue artificial en recordo das "miles de vítimas que se cobran cada ano os festexos taurinos"