Castella triunfa, Morante deleita e Ponce decepciona na primeira de Feira da Peregrina
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Foi unha boa tarde de touros. Con sensacións encontradas. Cun triunfador por trofeos, pero con outro maior por méritos. E cunha decepción, a dun Ponce vido a menos que na primeira corrida da Feira Taurina de La Peregrina inventou o "toureo por televisión", por definilo dalgún xeito.
Sebastián Castella abriu a porta grande ao cortar unha orella a cada un dos seus inimigos, pero quen puido realmente armar o taco foi Morante de la Puebla, que quedou cun apéndice no seu primeiro, e coa mel nos labios no seu segundo, quinto da tarde, ao que lle fixo unha faena maxestosa, malograda na sorte suprema, ao picar nada menos que sete veces, antes de conseguir estoquear acertadamente ao seu rival.
Ponce foise de baleiro, e iso a pesar do cariño que se lle ten no coso de San Roque, pero esta vez o destro de Chiva, tantas veces triunfador, defraudou. Certo que lle tocou o peor dos lotes, pero tamén o é que llo viu como desgando, sen arrimarse nin arriscar o máis mínimo, aínda a pesar de que os morlacos que lle tocaron en sorte non eran os mellores para o lucimento, pero non se lles pode negar nobreza e comodidade para o matador.
O cartel prometía e os afeccionados responderon. Algo máis de tres cuartos de entrada nos tendidos, con gando de Alcurrucén que, fiel á súa liña, tivo unha boa presentación, nobreza, pero pecou de xusteza de forzas e frouxidade de remos. Foron touros amables para os destros, que non deron nin un só susto, destacando especialmente o segundo, terceiro e quinto.
Algo máis de tres cuartos de entrada nos tendidos con gando de Alcurrucén nobres pero desiguais no seu xogo
Os seguidores de Enrique Ponce, que son lexión, e moitos deles nesta zona, terán saído decepcionados. No que abriu praza deixou mostras da calidade tantas veces demostrada, especialmente cunha gran serie de dereitazos nos medios, a súa faena non chegou a conectar co tendido, especialmente por verse a un destro afastado, frío, sen meterse nunca en terreos comprometidos. Pouco máis que palmas logrou arrancar tras despachar o seu inimigo.
Peor foi no cuarto da tarde. Non deu nin un só capotazo. Fixo un tímido intento de quite, que abandonou ao segundo lance. Certo que foi o peor animal do encerro, pero tamén que permitía bastante máis. Coa muleta estivo desmotivado, coma se botase a toalla ante a evidencia de que esta non era a súa tarde, nun toureo "a distancia", eludindo sempre terreo comprometido, nun discreto labor que nin sequera a súa innegable calidade puido tapar. Por se fose pouco ata estivo desacertado coa espada, obtendo o silencio do tendido tras despachar o seu inimigo.
De Morante xa se sabe que se pode esperar o mellor e o peor. E esta vez saíu cara. Puido armar o taco no quinto da tarde tras cortar unha orella no seu primeiro. Víuselle a gusto e isto cando na area está o destro de La Puebla del Río case sempre é sinónimo de bo toureo, de arte taurina. A diferenza de Ponce tivo sorte co seu lote, que foi de longo o mellor da corrida, e aproveitouno.
Pero xa se sabe que a espada nos touros determina o éxito ou o fracaso, aínda que vaia por diante que, para os bos padais taurinos, Morante non fracasou, todo o contrario, deixou unha das faenas máis exquisitas que se puideron ver en moito tempo no coso pontevedrés. Outra cousa é que sete picadas antes de conseguir rematar co seu inimigo, son un obstáculo insalvable para acceder aos trofeos e esa é a única razón de que non saíse pola porta grande.
Xusto é de destacar ademais que a súa cuadrilla estivo soberbia en toda a lídia dos seus dous touros, cun excepcional traballo de Aurelio Cruz, coa vara, de Cristóbal Cruz, gardando porta, e dos banderilleiros Antonio Jiménez, Rafael Cuesta e Francisco Javier Sánchez.
No primeiro do seu lote xa apuntou que esta tarde si, que esta tarde había destro e dos grandes, que podía ser unha tarde das de Morante. Dereitazos e naturais sucedéronse para gañar o favor dun tendido de sol que comezou retándoo cun sonoro "Morante, échale huevos" para rematar rendido ao seu bo facer. Longa e variada faena que rematou cunha grande estocada, aínda que o touro tardou en morrer, amagando o destro con algo pouco usual como utilizar a puntilla el mesmo, en lugar do descabelo, co touro aínda en pé.
O do quinto fixo bo o dito de "non hai quinto malo". Un morlaco negro-mulato, de 530 quilos de peso, de nome Escribano, non botou un só borrón. Ao contrario, a punto estivo de deixar escrito o seu nome e o do matador con letras de ouro na historia recente da praza. Morante comezou coa capa nunha serie de tres verónicas interminable e deliciosamente lentas, para seguir cun precioso quite por chicuelinas rematado coa media a unha man que prometía grandes cousas. O matador viu touro e foise a por el sen dubidalo, con calidade, dende o primeiro muletazo apoiado na barreira, nos tendidos do dous. Dereitazos ligados nos medios cunha serie tras outra, a cada cual mellor e con maior hondura.
Sete picadas evitan o triunfo apoteósico de Morante de la Puebla no quinto touro da tarde
Pero chegou a hora de entrar a matar. Morante quixo afinar, consciente do que se xogaba. Pero fallou. E fíxoo como hai o case todo: ao grande. Picou sete veces antes de conseguir a estocada que buscaba e necesitaba para asinar unha tarde histórica. Non sei se o rabo, pero as dúas orellas eran seguras. Quedou cunha merecida e apoteósica volta á arena e cunha emocionada despedida da afección dende o centro da area, mentres os tendidos o aclamaban. Non saíu a ombros Morante, pero dende esta ocasión xa todos saben tamén en Pontevedra por que paga a pena arriscarse a tardes insulsas dun destro singular, coa esperanza de presenciar unha sóla que compense todas as demais.
O de Sebastián Castella é cousa á parte. O destro de Béziers gañou nos últimos anos o favor do público pontevedrés, e nesta ocasión tampouco defraudou. Foi fiel á súa cita co triunfo. Abriu a porta grande a base de ganas, valor e entrega. A diferenza de Morante, a súa cuadrilla non estivo o que se di afortunada na lídia de ningún dos seus touros, pero el supliuno con senllas faenas longas nas que non faltaron dereitazos, naturais e estatuarios. Conectou co tendido dende o primeiro momento e acertou coa espada. O resultado, unha orella a cada touro e nova porta grande, repetindo éxito do pasado ano.
FICHA DA CORRIDA:
ENRIQUE PONCE: Picada e media estocada (palmas). Picada, media estocada traseira e descabelo ao primeiro intento (silencio).
MORANTE DE LA PUEBLA: Estocada (unha orella tras escoitar un aviso). Sete picadas e estocada (ovación e volta á arena despois de escoitar un aviso).
SEBASTIÁN CASTELLA: Estocada traseira, tendida pero efectiva (unha orella). Estocada fulminante (unha orella). Sae a ombros pola porta grande.
Incidencias: Praza de Touros de Pontevedra. Primeira corrida do ciclo taurino de La Peregrina. Algo máis de tres cuartos de entrada nos tendidos, cuns 6.000 espectadores. Touros da Gandaría de Alcurrucén. Antes de comezar o festexo, coas cuadrillas formadas no paseíllo, gardouse un emotivo minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Santiago.
SEGUNDA DE FEIRA
A tarde do domingo trae a segunda corrida do ciclo, con touros da Gandaría de Victoriano do Río, para os destros Julián López 'El Juli', Miguel Ángel Perera e Alejandro Talavante. O festexo, como é habitual, comezará ás 19:00 horas.