Bueu alerta das medidas a adoptar a partir do domingo nas saídas de menores de 14 anos
Por Redacción
O goberno local de Bueu emitiu un comunicado alertando á cidadanía de cales son as medidas que se teñen que adoptar para as saídas autorizadas de menores de 14 anos a partir do domingo 26 de abril.
Lembra que o horario permitido será de 09.00 a 21.00 horas e recomenda que se eviten as horas punta para que non se rexistren aglomeracións nas principais zonas de tránsito.
As saídas terán unha duración máxima dunha hora e só poderanse realizar na contorna dun quilómetro respecto a a vivenda. Ademais só está permitida unha saída ao día.
Os menores deberán estar acompañados permanentemente por unha persoa adulta coa que convivan. O máximo de menores que poden saír xuntos dunha vivenda sitúase en tres e sempre deben estar a unha distancia na que poidan estar controlados.
Tamén se terán que respectar as medidas de distanciamento social de 1,5 metros tanto con outros menores como cos adultos. Ademais deberán lavarse as mans con frecuencia e manter unha hixiene estrita no uso dos espazos públicos, nos que si está permitido aos pequenos tanto correr, como xogar ou realizar exercicio. Tamén poderán levar os seus propios xoguetes pero está prohibido usar parques e zonas infantís comúns.
As saídas no rural permítense polo campo, sempre que se cumpra o distanciamento social. Ademais, nos casos en que os menores habiten en zonas situadas a menos dun quilómetro das praias poderán pasear polos areais.
O goberno local lembra tamén que as máscaras homologadas polas autoridades sanitarias e que prevén o contaxio son as FFPII. As demais, alertan de que non ofrecen garantías.
Para que se cumpran estas medidas vai reforzarse a vixilancia policial e recomendan á cidadanía a que se informe a través do Ministerio de Sanidade e da Consellería de Sanidade.
Relacionadas:
-
O Concello de Bueu mantén o taller de memoria para maiores desde as súas casas
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio velará pola seguridade durante as saídas dos menores á rúa
Por Redacción |
-
Moraña comeza a repartición de máscaras para os menores de once anos
Por Redacción |
-
Barro reparte máscaras hixiénicas entre os nenos do municipio de cara ao inicio das súas saídas o domingo
Por Redacción |
-
Ángel Moldes solicita máis desinfección de espazos públicos ante os paseos dos nenos
Por Oskar Viéitez |
-
Unha hora ao día de paseo para menores de 14 anos a partir do domingo, pero nada de parques
Por Manu Otero |