Elsamex acondicionará o parque forestal da Fracha, o máis grande que terá Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Elsamex, a mesma empresa que está a acondicionar o parque forestal da Tomba, será a responsable doutro dos proxectos que, da mesma natureza, puxo en marcha o Concello de Pontevedra: o parque forestal da Fracha.
Así o propuxo a mesa de contratación, que valorou a oferta de Elsamex por encima das outras catorce candidatas. Executará estes traballos, que teñen un prazo de execución de doce meses, por 453.021 euros.
O parque forestal da Fracha, que será o de maior tamaño de Pontevedra, ocupará un total de 406 hectáreas, repartidas entre as parroquias de Marcón (110,72 hectáreas), Tomeza (36,88 hectáreas) e A Canicouva (258,40 hectáreas).
As actuacións máis destacadas van encamiñadas a conseguir unha revexetación forestal con especies forestais autóctonas, a creación de áreas de estancia e lúdicas, o tratamento antierosión do terreo, a recuperación ambiental das beiras dos ríos, e a recuperación, marcado e creación de sendas.
En concreto, o plan de actuación prevé que a entrada ao parque sexa polo aparcamento en Outeiro Navío (Marcón),onde chegan as vías asfaltadas. Aquí estará unha das tres áreas de descanso, na que se plantarán 200 carballos, 50 castiñeiros e 30 catalpas.
Na Rega Pireira (Tomeza) estará a segunda destas áreas. Nela haberá 70 carballos, 20 castiñeiros, oito catalpas e 30 bidueiros. E, por último, no Coto das Forcadas (A Canicouva) plantaranse 60 carballos, 20 castiñeiros e tres catalpas.
Ademais, xunto coa eliminación de 160.000 eucaliptos e acacias, prevese reforestar oito hectáreas en Marcón con 3.340 carballos, outras 6,5 hectáreas en Tomeza con 1.950 carballos e 3,5 hectáreas na Canicouva con 700 novos carballos.
Haberá ademais novos accesos a estas áreas de descanso, que terán peches perimetrais, mesas accesibles, fontes de auga e diversos miradoiros sobre as rías de Pontevedra e Vigo.
Esta contratación, xunto coa da iluminación das pontes, demostra segundo a edil Eva Vilaverde, que actuou este luns como portavoz do goberno municipal, que o coronavirus non paralizou a actividade do Concello.
A este respecto, Vilaverde garantiu que todos os expedientes que están en contratación "ímolos seguir mantendo" para non paralizar a actividade municipal e "garantir" que as empresas da cidade "sigan adiante".
A estes dous contratos, o Concello sumou o acordo coa compañía Digamel que, por 287.516 euros, fornecerá o material eléctrico para todas as dependencias municipais; ou a contratación por 63.888 euros de dous novos coches para a Policía Local.
Relacionadas:
-
O parque forestal da Fracha estará habilitado en abril
Por Redacción |
-
A Fracha amplía o seu proxecto de recuperación forestal cun circuíto ciclista
Por María José Pita |
-
O parque forestal da Fracha estará acondicionado antes do próximo verán
Por Alejandro Espiño |
-
O Parque forestal da Tomba estará rematado a final de ano
Por Redacción |
-
Carballos e castiñeiros chegan 'in extremis' ao parque forestal da Tomba
Por Alejandro Espiño |
-
A iluminación das pontes de Pontevedra levará a sinatura de Setga
Por Alejandro Espiño |
-
Quince empresas optan ao proxecto construtivo do parque forestal da Fracha
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello inicia a contratación do parque forestal da Fracha
Por Oskar Viéitez |
-
O parque forestal da Fracha, máis preto de facerse realidade
Por Alejandro Espiño |