O parque forestal da Fracha estará acondicionado antes do próximo verán
Por Alejandro Espiño
Unha área natural que será "un luxo para os pontevedreses". Así cualificou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o proxecto para acondicionar o parque forestal da Fracha. Será, cunhas 406 hectáreas, o máis grande que exista en todo o municipio.
Os traballos, que executa a empresa Elmasex por 453.021 euros, xa están bastante avanzados. A previsión é que todo este parque estea rematado antes do próximo verán.
Fernández Lores, acompañado polo concelleiro de Montes, Alberto Oubiña, e representantes das comunidades de montes de Marcón, Tomeza e A Canicouva, visitou este xoves a área recreativa de Outeiro Navío, que vaise a integrar neste parque forestal.
Este punto ten unha altitude de 420 metros sobre o nivel do mar e ofrece, a través dun miradoiro, unha ampla vista sobre o fondo da ría de Pontevedra e toda a cidade. "Nos días de sol é unha marabilla o que se ve desde aquí", apuntou o alcalde.
A creación deste parque forestal foi posible pola cesión dos comuneiros da Canicouva (258,40 hectáreas), Marcón (110,72 hectáreas) e Tomeza (36,88 hectáreas), aos que o rexedor quixo agradecer a súa colaboración para que o monte comunal "poida utilizalo todo o mundo".
Estes proxectos, engadiu Lores, son "fundamentais" para a calidade de vida dos veciños. O obxectivo é facer un aproveitamento forestal con especies propias e con usos diversificados do monte e, ao mesmo tempo, manter un uso social para que os cidadáns de Pontevedra poidan gozar de espazos naturais "a unha distancia de 4 ou 5 quilómetros da cidade".
Os traballos para acondicionar o parque inclúen a substitución de especies invasoras, a recuperación dos bordes dos regueiros con especies de ribeira, a plantación de novos exemplares de especies autóctonas, a consolidación do terreo con restos de poda para que non se produzan escorrentías ou a apertura de 26,6 quilómetros de sendas.
Ademais da área recreativa do Outeiro Navío en Marcón, tamén se acondicionarán a de Regha Pieira en Tomeza e a do Couto das Forcadas na Canivouva, que terán os seus respectivos miradoiros desde o que, xunto con Pontevedra e a súa ría, se divisará Marín ou a ría de Vigo.
MANTEMENTO DOS TRES PARQUES
Para manter este parque forestal da Fracha, igual que para os da Tomba e o Pontillón do Castro, o Concello prevé licitar un contrato que abarque as tres áreas.
Para os que están en execución a previsión orzamentaria é de 80.000 euros anuais para o mantemento da Fracha e de 40.000 euros anuais para o mantemento da Tomba, cantidades ás que se tería que sumar ademais o investimento para o parque de Verducido.
Os tres parques, segundo o alcalde, son unha aposta do Concello "polo medio ambiente, pola conservación do medio natural e por contribuír á loita contra o cambio climático".
Relacionadas:
-
O parque forestal da Fracha estará habilitado en abril
Por Redacción |
-
A Fracha amplía o seu proxecto de recuperación forestal cun circuíto ciclista
Por María José Pita |
-
Elsamex acondicionará o parque forestal da Fracha, o máis grande que terá Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Quince empresas optan ao proxecto construtivo do parque forestal da Fracha
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello inicia a contratación do parque forestal da Fracha
Por Oskar Viéitez |