Pistoletazo de saída para o proxecto que creará 312 columbarios e unha zona para cerimonias laicas en San Amaro
Por Natalia Puga
A Xunta de Goberno local de Pontevedra deu conta este luns do inicio do expediente administrativo para o proxecto de mellora e ampliación do cemiterio municipal de San Amaro, unha iniciativa á que se destinarán 474.656, 54 euros, 100.000 deles xa este ano 2020.
O proxecto será único e converterá a San Amaro nun cemiterio pioneiro en Galicia en canto a facilitar as cerimonias laicas ou de distintos credos relixiosos a maiores do católico, unha medida que se ha implantando en moi poucos municipios, pero si no cemiterio de Barallobre de Fene.
En concreto, neste proxecto contémplase unha área específica que estará habilitada de tal forma que se poidan realizar cerimonias por falecidos de distintas relixións e tamén enterramentos civís nos que non se siga ningún credo.
O proxecto deberá ir agora a contratación, segundo informou a portavoz do goberno local, Anabel Gulías. A edil deu a coñecer algúns detalles deste proxecto, do que xa se falou tempo atrás, pero que acaba de concretarse. Así, aínda que nun primeiro momento se prevía que se creasen 1.083 novos columbarios para urnas con cinzas, finalmente reduciuse a 312, dada a baixa demanda deste servizo que existe en Pontevedra. Así, cabe indicar que na actualidade hai seis e tres están baleiros.
A iniciativa tamén contempla un investimento de 50.000 euros para incluír no cemiterio un conxunto escultórico de Caxigueiro e un mural artístico de Amelia Palacios.
O proxecto desenvolverase en varias fases. Nesta primeira á que acaban de darlle o pistoletazo de saída ocuparanse uns 2.500 metros cadrados do total de 6.000 que ten a parcela na que se realizará a actuación. En novas fases prevese habilitar unha parcela dentro do propio cemiterio na que sexa posible esparexer as cinzas que incluirá unha zona específica para celebrar cerimonias e colocar placas en recordo dos falecidos cuxos restos sexan depositados alí.
Relacionadas:
-
A empresa Acevi porá en marcha o proxecto Voltar á terra, que revolucionará o cemiterio de San Amaro
Por Redacción |
-
Cinco empresas presentan ofertas para a ampliación do cemiterio de San Amaro
Por Oskar Viéitez |
-
VIDEO.- O cemiterio de San Amaro disporá dunha pradería para esparcir cinzas e un espazo para cerimonias civís
Por Oskar Viéitez |
-
A parcela para esparexer cinzas estará disponible en San Amaro antes de final de ano
Por Alejandro Espiño |