A parcela para esparexer cinzas estará disponible en San Amaro antes de final de ano
Por Alejandro Espiño
O Concello confía en que a parcela que se habilitará no cemiterio de San Amaro para esparexer as cinzas dos falecidos estea acondicionada antes do 1 de novembro, Día de Todos os Santos.
Así o sinalou a concelleira responsable desta área, Carmen Fouces, ao detallar os avances que se fixeron nun proxecto denominado Voltar á terra.
Esta iniciativa pretende converter a parcela baleira do cemiterio de San Amaro, duns 5.800 metros cadrados, nun espazo recollido e bonito para que as familias poidan tirar ou depositar as cinzas dos seus seres queridos e facer unha cerimonia de despedida, relixiosa ou non.
Fouces mantivo nas últimas horas unha reunión cos arquitectos municipais e o arquitecto encargado de redactar o proxecto, Rogelio Carballo para ir avanzando nesta iniciativa, que poderá estar ultimado no prazo de quince días ou tres semanas e poder dalo a coñecer.
O goberno municipal optou por impulsar este proxecto de acordo coas peticións que se reciben no Concello sobre os enterramentos, centradas especialmente no reclamo de espazos para colocar ou tirar cinzas. Dado que existen bastantes nichos construídos para satisfacer a demanda dos vindeiros anos, decidiuse habilitar este equipamento.
Neste espazo está previsto a construción duns 1.000 columbarios, uns en terra e outros en columna,, xunto a unha pequena construción na que as familias poderán facer unha cerimonia de despedida dos seus seres queridos.
En cada columbario poderá inscribirse unha placa coa referencia do falecido, dando á familia a posibilidade de deixar as cinzas ou ben a furna na que se atopan as cinzas.
Ademais, habilitarase un espazo de pradaría onde haberá plantas aromáticas -lavanda especialmente- na que os familiares tamén poderán esparexer as cinzas dos seus seres queridos, se así o desexan.
Relacionadas:
-
Pistoletazo de saída para o proxecto que creará 312 columbarios e unha zona para cerimonias laicas en San Amaro
Por Natalia Puga |
-
VIDEO.- O cemiterio de San Amaro disporá dunha pradería para esparcir cinzas e un espazo para cerimonias civís
Por Oskar Viéitez |
-
San Amaro terá unha parcela para 'volver á terra' e esparexer as cinzas dos falecidos
Por Natalia Puga |