O Consello de Campus aborda a implantación da modalidade virtual de Dirección e Xestión Pública
Por Redacción
O Consello de Campus de Pontevedra abordou, na súa reunión deste xoves, os traballos que a Universidade de Vigo está a acometer para que o vindeiro curso Dirección e Xestión Pública se converta no primeiro grao da institución académica en contar cunha modalidade virtual.
O rector incidiu en que a docencia virtual fai preciso que o profesorado realice unha serie de "cursos especiais". Manuel Reigosa salientou que "para nós encaixa moi ben dentro da estratexia de captación de alumnado" iberoamericano. "Cremos que temos capacidade para utilizar o castelán e o galego para atraer estudantado de toda América Latina", subliñou Reigosa.
DESEÑO E CREACIÓN
Na sesión celebrada na sede da Vicerreitoría, o reitor, Manuel Reigosa, informou tamén de que a institución académica atópase negociando coa Xunta de Galicia co propósito de conseguir que o Grao en Deseño de Creación poida implantarse no curso 2021/2022, despois de que a memoria da titulación recibise o informe desfavorable da administración autonómica.
Agora a Universidade está "vendo que puntos habería que cambiar" no documento, explicou Reigosa nesta sesión. "Algúns teñen que ver con emprazamentos e infraestruturas e outros teñen que ver co propio plan de estudos, coa orientación que se lles dá", apuntou o reitor.
"Espero que sexamos quen entre todos de facer as modificacións correspondentes e implantalo non o vindeiro curso, pero si no seguinte", engadiu Reigosa, quen lembrou que inicialmente estaba previsto que este novo grao fose "unha titulación máis da Facultade de Belas Artes", polo que, despois de que a Xunta de Facultade votase en contra da memoria, foi preciso "pedir un prazo adicional" para a presentación da memoria dunha titulación que, salientou, "encaixa perfectamente no Campus Crea".
No seu informe, Reigosa apuntou así mesmo ás obras que se están a levar a cabo no antigo edificio da Xunta en Benito Corbal, que terá tres plantas destinadas á Universidade, e cuxo remate esta previsto para finais de ano.
"Trátase dun espazo privilexiado no centro da cidade, que nos vai permitir facer moitas cousas, desde cuestións de coworking á colaboración entre as distintas facultades e escolas", salientou o reitor da que será a sede institucional do Campus Crea.
Relacionadas:
-
Vinte alumnos estrearán a modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |
-
Piden que o grao de Dirección e Xestión Pública conte con facultade propia
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para inscribirse no primeiro doutorado do campus sobre cambio climático, enfermidades e retos educativos
Por Redacción |
-
A Universidade aproba a creación da Facultade de Deseño e Creación en Pontevedra
Por Redacción |